"O único que entra en Gaza son bombas": a ONU advirte que 14.000 crianzas morrerán en 48 horas se non reciben axuda urxente
A UNRWA asegura que na Faixa "non hai sitios seguros" para a poboación palestina.
A destrución de Gaza por parte de Israel para facerse co seu control total non cesa mentres deixa pasar unha cantidade "mínima" de axuda, insuficiente para garantir a supervivencia da poboación palestina, nomeadamente de 14.000 crianzas que están en risco de morrer nas próximas 48 horas, advirte a ONU.
A Axencia de Nacións Unidas para as persoas Refuxiadas de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA) denunciou esta terza feira que "o único que entra en Gaza son bombas" e recalcou que "non hai sitios seguros" na Faixa, despois de que Israel anunciase que autorizaría a entrada de axuda humanitaria á Faixa tras máis de dous meses de bloqueo.
"A intensificación dos bombardeos israelís por aire, terra e mar causaron centos de vítimas e un desprazamento masivo. Desde hai once semanas, as autoridades israelís bloquean de forma deliberada todas as subministracións a Gaza", manifestou. Así, fixo fincapé en que "a Faixa de Gaza fai fronte probabelmente á súa peor crise humanitaria desde outubro de 2023", en referencia ao comezo da ofensiva, desatada por Israel tras os ataques executados o 7 de outubro de 2023 por Hamás e outras faccións palestinas.
As autoridades israelís afirmaron esta segunda feira que autorizaran a entrada de cinco camións con axuda humanitaria de Nacións Unidas, os primeiros en once semanas, despois do levantamento do bloqueo anunciado na véspera polo primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu.
Tras iso, o xefe de Asuntos Humanitarios da ONU, Tom Fletcher, confirmou que Israel deu luz verde á entrada de nove camións con "axuda limitada", aínda que destacou que isto supón "unha pinga no océano" que chega no medio dunha "repunta da ofensiva militar" israelí sobre o enclave palestino. En declaracións á canle BBC, Fletcher, explicou que hai até 14.000 menores en risco de morrer en 48 horas se non entra axuda de maneira urxente.
