Revelacións de Wikileaks

A túa televisión non está apagada, está a gravar as túas conversas

A CIA promoveu un proxecto -Weeping Angel- que lle permite utilizar as smart tv de Samsung -fabricante sul-coreano- para gravar as conversas no salón da túa casa.

Wikileaks
photo_camera Cuarteis xenerais da CIA en Langley (Virxinia)

A operativa de Weeping Angel é a introdución nas smart tv de virus que provocan erros nos aparatos. Unha vez apagados polas persoas usuarias, e cando están aparentemente desligados, os micrófonos das televisións cobran vida e comezan a gravar todas as conversas. Non fai falta que o persoal da CIA se desprace a túa casa para colocarche un micrófono, xa o leva de serie a túa smart tv.

Weeping Angel é un dos múltiples proxectos de espionaxe da CIA postos ao descuberto pola última investigación do portal Wikileaks, que dirixe desde a embaixada de Ecuador en Londres o ciber-xornalista australiano Julian Assange.

Antigos funcionarios da CIA consultados por Reuters outorgan credibilidade ás revelacións de Wikileaks, nomeadamente pola verosimilitude dos códigos cuxo uso se atribúe á axencia de investigación norteamericana.

As técnicas empregadas polos ciber-espías dirixidos desde Langley permitirían a desencriptación das mensaxes de plataformas como WhatsApp, ao se teren descuberto fallas de seguranza nos sistemas Android.

CIA tamén disporía de informes sobre as fallas de seguranza nos Iphone e nos aparatos informáticos de Apple.

Os documentos filtrados por Wikileaks mostrarían que nesta espionaxe masiva a CIA tería achado a colaboración dos servizos de intelixencia británicos.

A filtración -que Wikileaks baptiza como Vault 7- volta a mostrar a vulnerabilidade dos sistemas de seguranza da CIA e demais axencias de intelixencia dos EUA, após as revelacións sobre os seus operativos de espionaxe feitas por Chelsea Manning en 2010 e por Edward Snowden en 2013.

Esta segunda feira, Wikileaks filtrou por volta de 9.000 arquivos secretos da CIA, a primeira entrega dunha serie de documentos clasificados que a plataforma de Assange tería no seu poder e que abranxen o período 2013-2016, isto é, parte do derradeiro mandato de Barack Obama na Casa Branca.

O despregamento da CIA para orquestrar este xigantesco operativo de espionaxe alcanza tamén solo europeu: o Centro de Ciber Intelixencia da axencia, que ten os seus cuarteis xenerais en Langley, dispón dunha base de apoio en Frankfurt, desde a cal se monotoriza toda Europa, Oriente Próximo e África.

Comentarios