"Trump, míraas aos ollos": a portada dun xornal iraniano cos rostros das nenas mortas no bombardeo dunha escola en Minab
O 28 de febreiro, o bombardeo contra un centro escolar de menores na localidade de Minab, no sur do Irán, acabou coa vida de máis de 165 persoas, a meirande parte nenas. Polo momento, nin Estados Unidos nin Israel asumiron a autoría do ataque. Con todo, unha investigación preliminar realizada polo Pentágono sostén que é “probábel” que o Exército estadounidense disparase o mísil que destruíu a escola de rapazas iraniana. Aínda que o informe non é definitivo, apunta xa cara a Estados Unidos como posíbel responsábel do masacre.
Como resposta, este domingo o xornal iraniano Tehran Times publicou na súa portada as fotografías de decenas de crianzas que perderon a vida no ataque, baixo o titular en galego “Trump, míraas aos ollos”. Ademais, o Tehran Times cita investigacións publicadas por outros oito medios internacionais que documentan de forma independente a posíbel autoría estadounidense no bombardeo.
Entre os medios que investigaron o ataque figuran os estadounidenses CNN, The New York Times ou The Wall Street Journal. Así, segundo The New York Times, unha recompilación de múltiples probas —incluíndo imaxes de satélite recentes, publicacións en redes sociais e vídeos verificados— indica que o edificio escolar sufriu graves danos tras un impacto preciso. As autoridades sanitarias iranianas e os medios estatais informaron tamén de que polo menos 168 nenas, ademais de persoal escolar, morreron no ataque contra o centro educativo.
Nos días posteriores ao masacre, as autoridades estadounidenses non confirmaron nin negaron a súa participación. O secretario de Defensa dos Estados Unidos declarou esta semana que as investigacións continúan en curso. Con todo, The New York Times sinala que autoridades estadounidenses recoñeceron publicamente que avións dos EUA estaban a realizar operacións na zona onde se situaba a escola ese mesmo día.
Ademais, medios internacionais alleos aos Estados Unidos tamén apuntaron cara Washington como posíbel responsable do ataque. A cadea Al Jazeera referiuse ao bombardeo como un “crime levado a cabo por Estados Unidos”, mentres que Middle East Eye publicou que o centro educativo foi atacado dúas veces, matando tanto a superviventes do primeiro bombardeo como ás persoas que acudiron a rescatalas. Así, o Tehran Times sostén que a acumulación de “evidencias sólidas” contra Estados Unidos demostraría que o país norteamericano foi, cando menos, cómplice na letal ofensiva contra o centro educativo de Minab.
O informe de investigación de The New York Times tamén revela que o ataque do 28 de febreiro contra a escola estaría vinculado cunha operación militar estadounidense dirixida contra unha base naval próxima. O bombardeo do centro educativo considérase xa o caso máis mortífero coñecido de vítimas civís desde o inicio da agresión estadounidense e israelí contra Irán, aínda que ningunha das partes recoñeceu publicamente a súa responsabilidade.
E agora un vídeo difundido pola axencia de noticias iraniana Mehr News e verificado por The New York Times e pola canle británica BBC apunta na mesma dirección que os primeiros indicios cos que traballa o Pentágono e contraria á do presidente Trump. Tamén os informes da canle estadounidense CNN sinalan á autoría do Exército dos Estados Unidos.