Este é o vídeo que desmente a Trump e que ratificaría a autoría estadounidense no bombardeo dunha escola do Irán
A investigación que está a realizar o Pentágono sobre o masacre na escola de nenas de Minab, ao sur do Irán, do pasado sábado 28 de febreiro sostén que é “probábel” que o Exército estadounidense disparase o mísil que destruíu o centro educativo. Aliás, The New York Times informou de que a evidencia confirma que os Estados Unidos atacaron esta escola, un bombardeo no que faleceron máis de 160 persoas, a maioría delas nenas.
Porén, este sábado o presidente do país norteamericano, Donald Trump, obviando as informacións que foran transcendendo nas horas previas e sen achegar ningunha evidencia que así o confirmase, asegurou en declaracións aos medios desde o Air Force One que o ataque foi de autoría iraniana.
"Na miña opinión, baseándome no que vin, fíxoo Irán", dixo, ao que un reporteiro retrucou ao secretario de Defensa estadounidense, Pete Hegseth, alí presente, se iso era certo. "Estamos a investigalo, sen dúbida [...] o único bando que vai a por civís é Irán", limitouse a dicir, sen chegar a asumir como boa a afirmación de Trump.
Mais agora un vídeo difundido pola axencia de noticias iraniana Mehr News e verificado por The New York Times e pola canle británica BBC apunta na mesma dirección que os primeiros indicios cos que traballa o Pentágono e contraria á do presidente Trump. Tamén os informes da canle estadounidense CNN sinalan á autoría do Exército dos Estados Unidos.
"Os expertos que viron este último vídeo dixéronnos que a presenza dun mísil Tomahawk, xunto con probas de que a zona foi alcanzada por varios ataques, indican que se tratou dunha operación estadounidense", apunta a BBC. Aliás, non hai constancia de que Irán posúa eses mesmos mísilesTomahawk, segundo as mesmas fontes.