Trump dá de prazo a Zelenski seis días para responder ao plan de paz

O presidente dos Estados Unidos de América, Donald Trump, afirmou esta sexta feira que dá de prazo ao presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, até o 27 de novembro para responder ao seu plan de paz de 28 puntos co que pretende pór fin ao conflito con Rusia. 
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump. (Foto: SPA )
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump. (Foto: SPA )

"Temos moitas datas límite, pero a quinta feira seméllanos un momento apropiado” para que o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, dea unha resposta ao plan de paz de 28 puntos remitido polos Estados Unidos, subliñou esta sexta feira Donald Trump, inquilino da Casa Branca. Entrementres, Zelenski defendeu que Kíiv está “nun dos momentos máis difíciles da súa historia”, no que “nos poderíamos atopar ante unha moi difícil decisión, ou perder a nosa dignidade ou perder un aliado chave”, en alusión ás múltiples liñas vermellas que cruza o plan, que foran fixadas por Ucraína co aval da Unión Europea (UE) e do predecesor de Trump, Joe Biden.

Ao respecto, o líder ruso, Vladimir Putin, adiantou que efectuarán unha “análise exhaustiva” do documento, que considerou unha “actualización” do plan presentado por Moscova en agosto. Segundo os medios estadounidenses a última proposta naceu de negociacións directas entre Rusia e o país americano. Putin, na súa intervención de esta sexta feira na que valorou o plan de 28 puntos, aproveitou para destacar os últimos avances do Exército ruso e o paso da cidade Kúpiansk a dominio de Moscova, salientando que "o réxime de Kíiv ou non ten información obxectiva sobre a situación na fronte, ou téndoa, simplemente non son capaces de avaliala obxectivamente".

Putin asegurou que, se Kíiv se nega a discutir as propostas de Trump, "tanto eles como os incendiarios da guerra europeos deben comprender que os sucesos ocorridos en Kúpiansk repetiranse inevitabelmente noutras zonas crave da fronte".

"En xeral, estamos satisfeitos con isto, posto que conduce ao logro dos obxectivos da operación militar especial por medios armados, a través do conflito armado. Pero, como dixen en repetidas ocasións, tamén estamos preparados para as conversacións de paz, para resolver os problemas pacificamente. Con todo, isto, por suposto, require unha análise exhaustiva de todos os detalles do plan proposto. Estamos listos para iso", resumiu o mandatario ruso esta sexta feira.

En última instancia, a prensa internacional publicou o contido íntegro da proposta de 28 puntos, que recoñecería de facto a soberanía rusa sobre Crimea, Donetsk e Luhansk. En Khersón e Zaporijia os novos lindes quedarían fixados na liña da fronte, e Moscova devolvería os territorios baixo o seu control noutras rexións ucraínas. Tamén sinala que “se agarda que Rusia non invada países veciños e que a Organización do Tratado do Atlántico Norte [OTAN] non se expanda máis”.

Ucraína ficaría fóra da OTAN, que non despregaría tropas no seu territorio, e as súas Forzas Armadas estarían limitadas a 600.000 soldados. Exactamente, estipula que " Ucraína acepta consagrar na súa Constitución que non se unirá á OTAN, e a OTAN acepta incluír na súa Carta unha disposición que estabeleza que Ucraína non será admitida no futuro". Ucraína, pola súa parte, "recibirá garantías de seguridade sólidas" mais a OTAN aceptaría non estacionar tropas nela. Iso si, avións de combate europeos estarían despregados en Polonia. O plan tamén recolle que “toda ideoloxía e actividades nazis deben ser rexeitadas e prohibidas”.

Estipula que o plan se concluirá cun pacto de non agresión pleno e integral entre Rusia, Ucraína e Europa. "Consideraranse resoltas todas as ambigüidades dos últimos 30 anos", e contempla a realización dun diálogo entre Rusia e a OTAN, coa mediación de Estados Unidos, para resolver todas as cuestións de seguridade e crear as condicións para a desescalada. O décimo apartado é o relativo ás garantías que recibiría Estas Unidos: "️EUA recibirá unha compensación polas garantías" e "se Ucraína ataca Rusia, perderá a garantía". Pola contra, "se Rusia ataca Ucraína, ademais dunha resposta militar decisiva e coordinada, restabeleceranse todas as sancións internacionais, revogarase o recoñecemento do novo territorio e todos os demais beneficios deste acordo".

No caso de que Ucraína lance un mísil contra Moscova ou San Petersburgo "sen causa xustificada, a garantía de seguridade considerarase nula".

O plan tamén sinala que Ucraína é elixíbel para ser membro da Unión Europea e recibiría acceso preferente a curto prazo ao mercado europeo "mentres se estuda este asunto".

Paquete de recuperación

O plan estabelece "un sólido paquete de recuperación global para Ucraína, que inclúe, entre outras cousas a creación dun Fondo de Desenvolvemento de Ucraína para investir en sectores de alto crecemento, como tecnoloxía, centros de datos e intelixencia artificial". EUA comprometeríase entón a cooperar con Ucraína "para restaurar, desenvolver, modernizar e operar conxuntamente a infraestrutura de gas natural de Ucraína, incluíndo gasodutos e instalacións de almacenamento". Contémplanse tamén "esforzos conxuntos para reconstruír as zonas devastadas polo conflito, desenvolvemento de infraestrutura, minería e extracción de recursos naturais".

Aliás, o Banco Mundial elaboraría un paquete de financiamento especial "para acelerar estes esforzos" e levantaríanse as sancións a Rusia.

Ucraína tería que realizar eleccións en cen días

O plan de paz defendido por Estados Unidos compromete Ucraína a realizar eleccións en 100 días desde a firma do acordo. E promete ademais ás partes involucradas neste conflito que "recibirán unha amnistía total polas súas accións durante a crise", que se comprometerían "a non presentar reclamacións nin considerar novas queixas".

 Este acordo será no caso de ser firmado xuridicamente vinculante e a súa implementación será supervisada e garantida por un Consello de Paz presidido polo presidente dos Estados Unidos, Donald Trump. Impoñeranse ademais sancións en caso de incumprimento.

"Unha vez que todas as partes aproben este memorando, o cesamento do fogo entrará en vigor inmediatamente despois de que ambas as partes se retiren aos puntos acordados para comezar a implementación do acordo".

En canto á cuestión nuclear, o plan obriga Ucraína a comprometerse a ser un Estado non nuclear de conformidade co Tratado sobre a Non Proliferación das Armas Nucleares.

A central nuclear de Zaporozhie ademais poríase en marcha "baixo a supervisión do Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA), e a electricidade xerada  compartirase a partes iguais entre Rusia e Ucraína".

Comentarios