Trump coñecía a conduta de Epstein e pasou "varias horas" na súa casa cunha das vítimas
O Congreso de Estados Unidos difunde correos comprometedores para o presidente estadounidense.
Congresistas demócratas de Estados Unidos difundiron varios correos electrónicos atribuídos ao pederasta Jeffrey Epstein nos que afirma que Donald Trump "sabía das rapazas" e "pasou horas" en casa do falecido magnate cunha das vítimas.
A publicación destes correos pertencentes aos arquivos de Epstein, impulsada por representantes demócratas na Cámara Baixa, podería revelar máis vínculos do falecido magnate co presidente estadounidense, que nega calquera proximidade co que fora o seu aliado.
Os novos achados foron compartidos esta cuarta feira por membros do Comité de Supervisión da Cámara de Representantes, durante a revisión de ao redor de 23.000 documentos adicionais sobre o caso Epstein.
"Trump díxome que quería que renunciase" ao meu membresía en Mar-a-Lago, a residencia do presidente estadounidense en Florida, afirma Epstein nun deses correos, aclara que nunca foi membro e engade: "Por suposto que sabía das rapazas, xa que lle pediu a Ghislaine que parase". Ghislaine Maxwell, cómplice e ex parella de Epstein cumpre actualmente unha condena de 20 anos de prisión por tráfico sexual.
Ese correo no que se refire a Trump é de 2019, mesmo ano no que o financeiro neoyorkino faleceu en prisión.
A principios de setembro pasado, a Cámara de representantes de Estados Unidos publicou máis de 33.000 páxinas de documentos relacionados a Epstein, o falecido magnate condenado por abusos sexuais, que foron fornecidos polo Departamento de Xustiza.
O caso Epstein estivo no centro da política estadounidense nos últimos meses. Trump asegurou durante a última campaña electoral que publicaría unha suposta lista de clientes do magnate, mais unha vez no poder mostrouse reacio a facelo.
Demanda á BBC
Por outra parte, o presidente de Estados Unidos afirmou que ten a "obriga" de demandar a cadea de televisión británica BBC por "terxiversar" o seu discurso pouco antes do asalto perpetrado por unha turba dos seus seguidores contra o Capitolio estadounidense o 6 de xaneiro de 2021, un incidente co que buscaban evitar a certificación dos resultados electorais que daban a vitoria a Joe Biden.
É a primeira vez que Trump fala publicamente do asunto desde que o seu equipo legal notificou á BBC da existencia dunha demanda por danos e prexuízos que ascende a preto de 1.000 millóns de dólares (863 millóns de euros) e coa que o magnate busca unha desculpa e unha compensación.

