Trump anuncia aranceis de 25% a México e Canadá e dun 10% máis á China nada máis chegar á Casa Branca

Xustificou a suba de impostos á chegada de migrantes e ao tráfico de drogas.

Donald Trump. (Foto: Europa Press / Contacto / Khadejeh Nikouyeh)
Donald Trump. (Foto: Europa Press / Contacto / Khadejeh Nikouyeh)

O presidente electo de Estados Unidos, Donald Trump, prometeu esta segunda feira impor un arancel de 25% a "todas" as importacións de México e Canadá, así como incrementar nun 10% os impostos xa aplicados a produtos importados da China.

"O 20 de xaneiro, como unha das miñas moitas primeiras ordes executivas, asinarei todos os documentos necesarios para cobrar a México e Canadá un arancel de 25% sobre todos os produtos que entren aos Estados Unidos, e as súas ridículas fronteiras abertas", anunciou nunha mensaxe na súa plataforma Truth Social.

Migración e drogas

O republicano tomou esta decisión, dixo, polos "estranxeiros ilegais" e o "crime e as drogas" que, segundo declarou, cruzan a fronteira. "Miles de persoas están a atravesar México e Canadá, traendo crime e drogas a niveis nunca antes vistos. Neste momento, unha caravana que vén de México, composta por miles de persoas, parece imparábel no seu intento de atravesar a nosa fronteira actualmente aberta", asegurou.

Trump sinalou que México e Canadá poden "resolver facilmente este problema latente desde hai moito tempo". "Esiximos que utilicen este poder e até o momento en que o fagan, é hora de que paguen un prezo moi alto!", dixo aos seus veciños.

O arancel, sinalou o magnate, permanecerá "até nas drogas, en particular no fentanilo". Así, noutra mensaxe, Trump anunciou que incrementará nun 10% os aranceis que xa enfrontan as importacións chinesas, até que o xigante asiático impida o fluxo de drogas aos Estados Unidos, en especial do fentanilo, porfiou.

"Representantes de China dixéronme que imporían a súa pena máxima, a pena de morte, a calquera traficante de drogas que fose sorprendido facendo isto, pero, por desgraza, nunca o fixeron, e as drogas están a entrar no noso país, principalmente a través de México, a niveis nunca vistos antes", relatou.

Comentarios