Catalunya

O Tribunal Supremo, ás portas de decidir sobre a inmunidade de Junqueras

Oriol Junqueras (Imaxe: Europa Press)

Quinta feira, 9 de xaneiro, está previsto que dúas salas do Tribunal Supremo se reúnan para resolver a inmunidade do eurodeputado e líder de ERC, Oriol Junqueras.

Até doce maxistradas do Tribunal Supremo de dúas salas distintas, a do Contencioso-Administrativo e a do Penal, se reunirán na quinta feira para decidir sobre os recursos que exixen a aplicación da inmunidade que corresponde ao eurodeputado e líder de Esquerra Republicana de Catalunya, Oriol Junqueras.

A sala do Contencioso-Administrativo decidirá se avala ou non a decisión da Xunta Electoral Central (XEC) de non lle outorgar a credencia de eurodeputado e a sala do Penal, que lle xulgou pola causa do procés, discutirá como aplicar a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que recoñeceu en decembro a condición de eurodeputado de Junqueras con efectos a 13 de xuño e, por tanto, a súa inmunidade. Ademais, o propio Parlamento europeo recoñeceu na segunda feira, 6 de xaneiro, a acta do líder de ERC. 

Torra pide “ser dilixente” ao Govern catalán para asegurar que Junqueras poida acudir á Eurocámara

Ser "dilixente", ordenou o president da Generalitat, Quim Torra, ao seu Govern á hora de ceibar Oriol Junqueras do cárcere de Lledoners (Barcelona), en caso de que o Tribunal Supremo dite a súa posta en liberdade para que o independentista poida asistir na vindeira segunda feira ao pleno do Parlamento europeo que decorrerá en Estrasburgo (Francia).

O Consell Executiu da Generalitat reuniuse na mañá desta cuarta feira, 8 de xaneiro en Barcelona e, ao seu remate, a consellera da Presidencia, Mertixell Budó, asegurou que o Govern espera que o Supremo acate a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) e que permita, por tanto, que Junqueras acuda á Eurocámara.

Budó tamén asegurou que, de o Supremo non fallar nese sentido e "de haber outro mecanismo que garanta ao Govern" traballar para a liberación de Junqueras, "o Executivo será dilixente".

Non quixo a consellera concretar de que mecanismos se podería tratar, e limitouse a indicar que debe ser a defensa de Junqueras quen formule eses mecanismos posíbeis.

"O que nós temos que facer é respectar a defensa xurídica. Neste sentido o que pedimos é que o Supremo acate a resolución que ditou o TXUE, que dicía que Junqueras tiña que ser liberado para poder exercer como eurodeputado de pleno dereito. Estamos nesta liña de reclamar ao Supremo que acate esta resolución", expresou Mertixell Budó.