domingo 05.04.2020

As perspectivas que se abren para Junqueras

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea sentenciou que Oriol Junqueras tiña inmunidade desde que a 13 de xuño se produciu a proclamación oficial dos resultados dos comicios europeos. Ademais, o Tribunal sinala que o líder de ERC debera ter saído da cadea para asumir o cargo como eurodeputado, cuestión que non permitiu o Tribunal Supremo español. Sermos Galiza conversa sobre a sentenza e as liñas que se abren na causa co profesor de Dereito procesual e membro de Esculca David Soto. 
 
O líder de ERC , Oriol Junqueras (Imaxe: Tribunal Supremo)
O líder de ERC , Oriol Junqueras (Imaxe: Tribunal Supremo)

Duro revés para o Tribunal Supremo do Estado español após coñecerse onte, 19 de decembro, que Oriol Junqueras tiña que gozar de inmunidade como eurodeputado desde o día 13 de xuño, cando a Xunta electoral proclamou oficialmente os resultados dos comicios europeos. Así o ditou o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), quen ademais reprende o Supremo por non permitir a Junqueras saír da cadea para tomar posesión do seu cargo como deputado europeo. 

Desde Luxemburgo, a xustiza tamén di que se o Supremo pensaba que debía manter na cadea o líder de Esquerra, debera ter solicitado ao Parlamento Europeo a suspensión da súa inmunidade. 

Con todo, o tribunal non aclarou se a decisión se pode aplicar agora e se Junqueras pode saír da cadea para exercer o seu escano na Eurocámara, pois a decisión da xustiza europea refírese a cando o líder soberanista estaba en cadea provisional con anterioridade á sentenza firme do Supremo sobre o procés, coa que se lle condenou por sedición e malversación a 13 anos de prisión e outros tantos de inhabilitación. Por tanto, a menos que se tombe a sentenza do Supremo, Junqueras está inhabilitado para exercer o cargo de eurodeputado. 

Por este motivo ERC pediu xa, após coñecerse a resolución europea, a nulidade do xuízo do procés e a liberación inmediata do seu president. 

Porén, desde a Fiscalía do Tribunal Supremo español tan só tardaron dúas horas en responder o TXUE, a pesar de que tiña de prazo cinco días. No seu escrito opóñense á liberación de Junqueras e solicita á Sala que o xulgou que realice o suplicatorio ao Parlameto europeo, é dicir, que solicite a supresión da inmunidade que onte lle recoñeceu a xustiza europea.

As liñas abertas para Junqueras após a sentenza 

Sobre as consecuencias que implica a decisión da xustiza europea, Sermos Galiza conversa con David Soto, profesor de Dereito procesual na Universidade da Coruña e membro da xunta directiva de Esculca, o observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades. Para o xurista, a xustiza española fica após a resolución do TXUE “en moi mala posición”.

David SotoDesde o observatorio, logo de seguiren o xuízo do procés e de participaren das observacións, valoran que detrás das formulacións realizadas desde as defensas e polo Tribunal Supremo xa se entrevé que ambas as partes eran conscientes de que a última instancia non recaerá no propio Supremo, senón no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH).

De feito, Soto considera que “en lugar de ser unha sentenza ao uso, a do procés é máis ben unha serie de alegacións que o Supremo fai pensando xa no TEDH”. 

"A cultura da alta xudicatura española está moi lonxe da europea", advirte Soto.

Nese sentido, o xurista de Esculca salienta que “co ditame europeo, a sentenza do Tribunal Supremo sobre o procés fica tamén nunha moi mala posición”, e engade que a vulneración da inmunidade de Junqueras está na tónica de casos moi graves de irregularidades que se produciron no transcurso do proceso xudicial e que afectou os dereitos procesuais das persoas condenadas. "A cultura da alta xudicatura española está moi lonxe da europea", critica Soto.

En Esculca esperan a impugnación da sentenza e o inicio dun procedemento de nulidade de actuacións. "Lamentamos que a Fiscalía non se una a esta postura, porque é o seu deber defender a legalidade e non a unha das partes". Nese sentido, tamén esperan que a Avogacía do Estado si se una á petición de anulación de actuacións. 

Con todo, o profesor Soto sinala que Junqueras, ao ter unha condena firme, semella inviábel que a día de hoxe sexa liberado, cuestión que sería posíbel coa nulidade das actuacións e volvéndose a realizar o xuízo. 

Noutra situación atópanse os exiliados Carles Puigdemont, Toni Comín e Clara Ponsatí. Os dous primeiros foron electos eurodeputados de Junts, mentres que Ponsantí ocupará a acta cando se efectúe o Brexit polo escano que gaña o Estado español coa saída do Reino Unido. 

"A euroorde de detención e entrega non foi admitida por ningún país da UE no que eles estiveron", sinala Soto en relación aos tres exiliados. E agora, coa inmunidade, en principio só poderían ser detidos no Estado español de cometeren delito flagrante ou unha vez o Parlamento europeo lles quitase a inmunidade a petición do Supremo. Mais fica por ver que posición terá agora o Estado. 

comentarios