O Tribunal Supremo español avala o procesamento do fiscal xeral, que fica ao bordo do xuízo

Álvaro García Ortiz, fiscal xeral do Estado español, o 18 de xuño de 2025. (Foto: Ramón Comet / Europa Press)
O Executivo remodela a estrutura de Presidencia.

A Sala de Apelación do Tribunal Supremo do Estado español desestimou a terza feira o recurso presentado pola Avogacía do Estado, en representación do fiscal xeral Álvaro García Ortiz, contra o auto asinado polo maxistrado Ángel Hurtado, que defendeu procesalo por un presunto delito de revelación de secretos.

O tribunal apoiou a tese de Hurtado de que na noite do 13 de marzo de 2024 García Ortiz estivo detrás, nunha “actuación coordinada e impulsada persoalmente” por el, da filtración á prensa dun correo electrónico no que o avogado de Alberto González Amador (parella da presidenta da Comunidade de Madrid Isabel Díaz Ayuso, do Partido Popular, PP) confirmaba que aceptaba a súa culpabilidade logo de non pagar 350.000 euros de impostos usando facturas falsas e empresas pantalla.

Con todo, incide en que, en alusión á afirmación de Hurtado de que o fiscal actuou seguindo as instrucións de Pedro Sánchez (PSOE), presidente do Estado español, “non foi acreditada con suficiencia, polo que a súa inclusión no relato fáctico era prescindíbel”.

No que atinxe a Pilar Rodríguez, que encabeza a Fiscalía Provincial de Madrid e que tamén estaba imputada por suposta revelación de secretos, a Sala de Apelación pactou por unanimidade arquivar a causa.

Un dos xuíces do órgano, Andrés Palomo, emitiu un voto particular no tocante a García Ortiz no que recalca que “non aparece suficientemente xustificado” que o fiscal xeral fora o “autor da revelación da información”. Á vez, critica que Hurtado non outorgara credibilidade aos xornalistas que o exculparon ou que non se analizaran probas que terían obrigado a arquivar a causa.

A mediados deste mes, Hurtado deixou en suspenso a decisión de enviar a xuízo García Ortiz á espera de que se resolvesen os recursos, polo que todo indica que o litixio acabará por desenvolverse nos próximos meses no Supremo, no que sería a primeira ocasión na que un fiscal xeral fose xulgado, a menos que dimita con anterioridade.

O líder do PP e da oposición, Alberto Núñez Feixoo, demandou a dimisión “inmediata” de García Ortiz. Pola súa parte, fontes gobernamentais trasladaron a medios estatais que confían na súa inocencia.

Reforma en Moncloa

En última instancia, o Gabinete español aprobou antonte a remodelación da estrutura da Presidencia do Goberno despois da saída de Francisco Salazar, un dos principais asesores do Executivo, ao ser culpado de comportamentos non axeitados dirixidos contra mulleres do seu equipo.