A tormenta Daniel deixa perto de 10.000 desaparecidos no leste de Libia

A cifra de falecidos na cidade de Derna ascende a 2.300, segundo unha organización civil de rescate

Estado da cidade de Derna, en Libia, após o paso da tormenta Daniel. (Foto: The Eastern-Based Government Of Libya / Xinhua News / Contactophoto)
photo_camera Estado da cidade de Derna, en Libia, após o paso da tormenta Daniel. (Foto: The Eastern-Based Government Of Libya / Xinhua News / Contactophoto)

Arredor de 10.000 persoas atópanse desaparecidas na cidade libia de Derna, situada no leste do país, a causa do paso da tormenta Daniel, que causou unha enorme devastación na cidade, afectada pola destrución de dúas represas, segundo informaron desde Media Lúa Vermella Libia. O temporal Daniel tamén causou estragos no extremo suroriental de Europa.

As autoridades locais de Derna confirmaron tamén que dúas represas de auga colapsaron debido ás tormentas, liberando máis de 33 millóns de metros cúbicos de auga e causando inundacións devastadoras na cidade.

O xefe da delegación da Media Lúa Vermella Libia, Tamer Ramadan, deu o balance de persoas desaparecidas durante unha comparecencia por videoconferencia ante a sede das Nacións Unidas en Xenebra, tal e como recolleu a axencia alemá de noticias DPA, sen pronunciarse sobre o número de vítimas mortais.

Non obstante, o Servizo de Ambulancias de Libia indicou nunha mensaxe na súa conta na rede social Facebook que cando menos 2.300 persoas morreron na cidade. “Pedimos a Deus que conte 2.300 persoas entre os mártires da cidade de Derna”, dixo o organismo, que recalcou que “os equipos de emerxencia están chegando á cidade desde todos os puntos do país”.

O propio Ramadan sinalara horas antes na súa conta da rede social X, anteriormente coñecida como Twitter, que o país africano “fai fronte a un desastre de devastación a grande escala”.

“Os esforzos son enormes, pero os desafíos e as necesidades van moito máis aló do que os actuais esforzos poden facer”, dixo Ramadan, que apuntou a unha “firme necesidade” de apoio por parte de “todos os actores internacionais” para dar axuda aos damnificados por Daniel.

Axuda humanitaria

Previamente, Musa al Koni, un dos vicepresidentes do Consello Presidencial de Libia, con sede na capital, Trípoli, reclamou unha entrega “o máis rápida posíbel” de axuda humanitaria por parte da comunicade internacional ante as devastadoras inundacións.

“Pedimos axuda a todos os países que sabemos que necesitamos e que teñen experiencia en tarefas de rescate”, manifestou, antes de desvelar que España, Italia e Canadá “expresaron a súa dispoñibilidade á hora de apoiar as tarefas de rescate” no leste do país africano.

Pola súa parte, a Organización Internacional para as Migracións (OIM) especificou nunha nota que máis de 2.000 persoas residentes en Benghazi víronse afectadas polas chuvias e atópanse agora en escolas da cidade, mentres que as inundacións forzaron a evacuación de pacientes do Centro Médico Al Baida.

A tormenta Daniel afectou o leste do país (dividido en dous Gobernos paralelos desde comezos de 2022 a causa dunha grave crise política) após causar estragos a semana pasada en Grecia, Bulgaria ou Turquía, onde se confirmaron uns 30 falecidos.

Comentarios