Alemaña

Un tiroteo deixa no mínimo sete mortos en Hamburgo

O atentado produciuse nun centro das Testemuñas de Xehová e o atacante, un dos falecidos, sería un ex membro desta mesma confesión relixiosa.
Operativo policial despregado tras o ataque de Hamburgo. (Foto: DPA vía Europa Press)
photo_camera Operativo policial despregado tras o ataque de Hamburgo. (Foto: DPA vía Europa Press)

*Información actualizada ás 14.15 horas
Un "baño de sangue". Así define a prensa alemá o ataque ocorrido na noite desta quinta feira nun centro de culto da confesión das Testemuñas de Xehová de Hamburgo que se saldou con cando menos sete persoas asasinadas —oito, segundo algúns medios— e outras oito feridas e que a Policía está a investigar. As autoridades apuntan agora, tal e como sospeitaban inicialmente, que o atacante pertencera a esta mesma comunidade relixiosa.

Os axentes, que chegaron ao lugar cando xa se iniciaran os tiros, pasadas as 21 horas, dan por feito que o autor do que xa cualifican como "masacre" foi unha única persoa, mentres seguen a investigar as razóns do crime, se ben, polo de agora, descartan o móbil terrorista. Non hai indicios, pois, de que haxa un atacante fuxido. "Para desbotar a participación doutras persoas estamos a facer controis e buscas exhaustivas", apuntou un portavoz policial.

"Houbo uns catro períodos de disparo, cunha diferenza de aproximadamente 20 segundos a un minuto", dixo unha veciña en declaracións recollidas por Bild. A Policía habilitou un portal de información para que a xente que teña algún tipo de proba en relación con este suceso poida achegala.

"Malas noticias desde Hamburgo. Varios membros da Igrexa de Xehová foron vítimas dun brutal acto de violencia onte á noite. Os meus pensamentos están con eles e coas súas familias. E coas forzas de seguridade, que tiveron unha misión difícil", publicou esta mañá nas súas redes sociais o chanceler alemán, Olaf Scholz. "Os informes son impactantes, o meu máis sentido pésame", engadiu a ministra do Interior, Nancy Faeser.

Philipp F., un empresario de 35 anos ex membro das Testemuñas de Xehová, foi identificado como o presunto autor do crime. Cando escoitou chegar os efectivos policiais, que se achaban perto do lugar da matanza, suicidouse. As primeiras unidades, salientou o responsábel de Interior de Hamburgo, Andy Grote, chegaron só catro minutos despois de recibir o aviso, o que "evitou moitas mortes".

O atacante non tiña antecedentes previos nin constaba nas bases de datos da Policía que investigan a "radicalización" de cidadáns, e en decembro obtivera unha licenza de armas, segundo Der Spiegel. Abandonara a comunidade relixiosa non por expulsión, senón "voluntariamente, mais non para sempre", precisan a ese xornal fontes próximas ao caso.

Sobre o seu permiso para portar unha arma automática, o xefe de policía Martin Meyer afirmou que se recibira unha "indicación anónima" de que o home podería non ser apto para esta licenza, dado que padecería "unha enfermidade mental non diagnosticada".

Comentarios