Testemuño desde México: "Andamos con coidado, mais non hai un escenario caótico nin vivimos unha violencia extrema xeneralizada"
O reconto das mortes provocadas pola espiral de violencia que viviu México tras o abatemento por parte da Guardia Nacional de 'El Mencho', o líder do Cártel Jalisco Nueva Generación, o máis grande do país, xa supera as 60. A última vítima foi o fillo de Nora Alicia Biebrich, alcaldesa de Bacanora, no estado de Sonora, morto nun ataque contra a rexedora.
En concreto, en Jalisco faleceron 25 militares, 30 supostos delincuentes, unha civil e dous funcionarios. Ademais, no estado veciño de Michoacán perderon a vida catro presuntos delincuentes. Por outra parte, as autoridades de Jalisco informaron da detención de 41 persoas, 20 delas por "feitos violentos". Tamén confirmaron 23 presos lograron escapar do centro penitenciario de Itxapa, en Puerto Vallarta, tras o motín acontecido o domingo.
En conversa con Nós Diario, un profesor universitario mexicano que prefire manter o anonimato descarta que o baleiro de poder que deixa a morte de 'El Mencho' vaia provocar un ascenso xeneralizado da violencia en todo o país. Con todo, o académico recoñece que hai rexións máis acoutadas, como Jalisco, Sinaloa e Michoacán, onde é probábel que "vaia haber episodios de inestabilidade", insiste.
"Normalmente cando se deron capturas deste estilo para outros mafiosos desa mesma altura, nos días inmediatos é cando máis movementos existen, mais pasadas estas primeiras xornadas normalmente vaise atenuando a situación", destaca o profesor.
"Si que podo dicir que existe agora mesmo unha sensación xeneralizada na sociedade mexicana de andar con coidado, xa sexa polo crime organizado ou como un dano colateral das forzas armadas que lle fai fronte, mais agora mesmo xa non existen os bloqueos de estradas nin manifestacións violentas dos criminais en todas as zonas do país", explica o académico. "Non se están manexando cifras alarmantes, si houbo persoas que lamentabelmente perderon a vida, mais non é algo escandaloso. É difícil dicir isto, mais as persoas falecidas están case na totalidade ligadas aos grupos de narcotráfico e ás forzas armadas, non é que se estea violentando á sociedade civil", acrecenta.
"Tristemente estamos acostumados a estas cifras de mortes cando hai este tipo de operacións. É algo normal para o nivel de participación de criminais e a intensidade da accións da Garda Nacional para facerlles fronte", engade. "Confío en que as complicacións limitaranse a esas zonas onde a mafia ten máis control en termos sociais, mais isto non quere dicir que se vaia estender por todo o territorio mexicano", conclúe esta fonte consultada por Nós Diario.
