O Supremo ordena á UCO rexistrar a casa de Ábalos en València

Os axentes buscan documentación sobre contratos de obra civil.
José Luis Ábalos, esta terza feira, en rolda de prensa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
José Luis Ábalos, esta terza feira, en rolda de prensa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O maxistrado do Tribunal Supremo Leopoldo Puente ordenou á Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil que rexistre o domicilio do ex ministro de Transportes José Luis Ábalos en València, no marco da causa na que o investiga pola presunta cobranza de comisións –en efectivo e en especie– a cambio de contratos de material sanitario e de obra pública durante a pandemia.

Fontes xurídicas confirmaron a Europa Press que os axentes da Benemérita acudíron na mañá desta terza feira, 10 de xuño, ao inmóbel propiedade do actual deputado do Grupo Mixto en busca de documentación sobre contratos de obra civil. Trataríase de dilixencias secretas, segundo as fontes consultadas.

No informe que presentou a UCO o pasado marzo sobre o patrimonio de Ábalos, ao que tivo acceso a axencia de noticias, o ex ministro figura como propietario dunha vivenda en València comprada en 1987, do que sería dono a 100% "unha vez liquidada a sociedade conxugal coa súa entón esposa".

O rexistro ten lugar sete meses despois de que o Supremo abrise causa contra Ábalos tras recibir a petición por parte do xuíz da Audiencia Nacional a cargo do denominado 'caso Koldo', chamado así polo seu ex asesor ministerial Koldo García.

É a primeira vez que o alto tribunal ordena rexistrar un inmóbel do ex ministro, que xa declarou en dúas ocasións ante o maxistrado instrutor para negar que cobrase comisión algunha.

Ao longo da investigación, Ábalos pediu ao maxistrado que aparte a UCO das pescudas. Acusa os axentes de realizar "filtracións" sobre a súa vida, algo que –ao seu xuízo– "denota tinguiduras de xenreira e vinganza". Tanto o instrutor como a Sala de Apelación denegaron os seus reclamos.

Comentarios