O Supremo deixa en liberdade a Santos Cerdán tras cinco meses en prisión

O ex secretario de Organización do PSOE seguirá investigado no 'caso Koldo' con medidas cautelares estritas: prohibición de saír do Estado, retirada de pasaporte e comparecencias quincenais.

Santos Cerdán á súa chegada ao Tribunal Supremo para declarar polo 'Caso Koldo'. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
Santos Cerdán á súa chegada ao Tribunal Supremo para declarar polo 'Caso Koldo'. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

O Tribunal Supremo acordou esta cuarta feira deixar en liberdade a Santos Cerdán, ex secretario de Organización do PSOE, que permanecía en prisión provisional desde o 30 de xuño polo seu presunto papel central na trama de amaños de contratos públicos investigada no 'caso Koldo'. A sala, con todo, imponlle medidas cautelares severas ao considerar que os indicios que pesan sobre el continúan sendo "robustos" e mesmo "reforzados" co avance das investigacións.

O maxistrado instrutor, Leopoldo Puente, entende que o risco de destrución de probas que motivou o ingreso en prisión atópase agora "seriamente mitigado", despois de que a Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil lograra incorporar ao sumario documentación e información "que, moi probabelmente, tería resultado de moi difícil acceso" se Cerdán estivese en liberdade desde o inicio da causa.

A investigación non dilúe os indicios, "refórzaos e abre novas liñas"

No auto, Puente subliña que o avance das investigacións non só non debilitou os sinais de criminalidade senón que "os consolidou en boa medida e mesmo abriu novas liñas de investigación". Entre os delitos que se lle atribúen a Cerdán figuran pertenza a organización criminal, tráfico de influencias e suborno.

O instrutor lembra, con todo, que o mantemento da prisión provisional non pode basearse unicamente na fortaleza dos indicios, senón na existencia de riscos concretos: fuga, destrución de probas ou reiteración delituosa. Este último risco descártase ao non exercer xa Cerdán cargo público nin conservar función orgánica algunha dentro do PSOE.

O maxistrado tampouco aprecia un risco "certo e acusado" de fuga que xustifique prolongar unha medida tan gravosa como a prisión provisional. Porén, si considera necesario impor medidas cautelares menos restritivas pero suficientes para garantir a dispoñibilidade do investigado: prohibición de saír do Estado, retirada inmediata do pasaporte e obriga de comparecer cada 15 días na sede xudicial.

Estas son as mesmas medidas que se aplican a outros investigados destacados da trama, como o ex ministro José Luis Ábalos e o ex asesor Koldo García.

Cinco meses de prisión en Soto del Real

Cerdán permanecía no cárcere de Soto del Real desde o verán, tras ser considerado unha das figuras clave da presunta rede de amaños vinculada a contratos públicos e a empresas que, segundo a UCO, terían favorecido economicamente o seu entorno familiar.

Co auto coñecido esta cuarta feira, o Supremo abre unha nova fase do procedemento, na que a investigación continúa, agora coa presenza do ex dirixente socialista en liberdade pero baixo control xudicial constante.

Comentarios