O Supremo da Arxentina envía Kirchner a prisión e inhabilítaa de por vida

A ex presidenta arxentina, Cristina Fernández de Kirchner, saúda desde un balcón do Senado os seus seguidores en 2022. (Foto: Leo Vaca / telam / dpa)
Manifestantes en todo o país denuncian que se trata dun caso de 'lawfare'.

En Rosario, San Miguel de Tucumán, Mar del Plata, Bariloche ou Bos Aires, milleiros de persoas saíron á rúa na madrugada da cuarta feira, moitas delas ficando a durmir diante do seu domicilio na capital da Arxentina, despois de que o Tribunal Supremo ratificara a condena contra a ex presidenta progresista Cristina Fernández de Kirchner (2007-2015) polo ‘caso Vialidad’, que supón seis anos de cárcere e inhabilitación perpetua para exercer cargos públicos.

Ademais, catro estradas da contorna da capital foron fechadas en bloqueos protagonizados por organizacións políticas e sindicais, mentres que os Gobernos de Venezuela, Bolivia e Cuba indicaron que é un intento de “socavar a esquerda”, e líderes continentais progresistas do Grupo de Puebla transmitiron o seu apoio a Kirchner e incidiron en que a xustiza “xamais pode ser unha ferramenta de proscrición política”.

A ex presidenta, principal opositora ao mandatario de extrema dereita Javier Milei, anunciara a súa candidatura ao lexislativo provincial de Bos Aires, que se escollerá o 7 de setembro, e após a decisión xudicial incidiu en que os tres xuíces do Supremo que avalaron de forma unánime a condena responden “a mandos naturais moi por riba deles, o poder económico concentrado da Arxentina”.

Até o día 18 ten de prazo para presentarse a cumprir a pena, e pode pedir arresto domiciliario por idade.

Todo apunta a un caso de 'lawfare'

Ao longo do proceso Kirchner negou os cargos por administración fraudulenta na adxudicación de contratos de obras viarias, insistindo en que é un caso de lawfare.

O certo é que as obras foron aprobadas polo Congreso e xestionadas por un Goberno provincial, o de Santa Cruz, e a auditoría demostrou que non houbo nada ilícito.