Suecia é o primeiro membro da UE en recoñecer Palestina como estado

Goberno sueco

“Agardamos que outros continúen por este camiño”, dixo Margot Wallström, ministra de Exteriores. Son xa 135 países os que recoñecen o Estado palestino. Israel retira o seu embaixador de Estocolmo.

 

Suecia foi esta quinta feira no primeiro membro da Unión Europea en recoñecer o estado palestino, unha decisión que o goberno de centro-esquerda sueco cualificou de “acto de responsabilidade” para impulsar o proceso de paz. Israel xa tildou o recoñecemento de provocación e procedeu a retirar o seu embaixador en Estocolmo. Stefan Lofven, xa anunciara na súa toma de posesión que Suecia ía recoñecer o estado palestino, gañándose así as críticas de Israel e Estados Unidos.

O executivo nórdico defende a súa decisión e anunciou que aprobaba un incremento do 50% na axuda económica a Palestina, que pasa ser de 161 millóns de euros. A ministra de Exteriores, Margot Wallström aclarou que o recoñecemento de Palestina partía de que “se cumpren os criterios de dereito internacional para recoñecer estados”.

'Tack, Sverige'

Wallström negou que a decisión fose “precipitada”, mesmo entendeu que “o risco é que chega máis ben tarde”, e incidiu en que hai que enviar un “sinal de que cremos na solución dos dous estados e de que o mundo non esquece” o pobo palestino. Con Suecia, son xa 135 os estados que deron o paso de recoñecer a Palestina como estado independente. Unha decisión que foi acollida con ledicia entre as e os palestinos. ‘Tack, Sverige’ (Grazas, Suecia) foi o lexendado que encheu balcóns en Ienin, Belén, Xerusalén, Gaza, Nablús...