Sudáfrica despide a Nelson Mandela

O funeral oficial congregou a ducias de líderes internacionais e deixou imaxes para a historia como o apretón de mans entre o presidente dos EUA, Barack Obama, e xefe de Estado cubano, Raúl Castro; ou as declaracións dun Mariano Rajoy que se lembrou da selección española no estadio Soccer City de Soweto. 

O acto oficial que despediu a Nelson Mandela esta terza feira en Soweto reuniu ducias de presidentes e xefes de Estado que quixeron tomar parte na cerimonia de homenaxe ao líder sudafricano.

Líderes europeos, americanos, asiáticos e africanos participaron ao longo de toda a xornada no estado Soccer City da lembranza colectiva a un dos persoeiros máis relevantes do século XX, mesmo aqueles cuxos Estados até ampararon o apartheid contra o que Madiba loitou, entre eles, o primeiro ministro inglés, David Cameron, ou o presidente dos EUA, Barack Obama. 

Representantes gobernamentais e da familia tomaron a palabra no acto oficial co que despediron ao líder sudafricano

A cerimonia que decorreu desde primeira hora da mañá --hora local-- contou coas intervencións dalgúns dos representantes institucionais como a presidenta do Brasil, Dilma Rousseff; o presidente de Cuba, Raul Castro; ou o vice-presidente chinés, Li Yuanchao. Tamén así, enunciaron unhas palabras de agradecemento e recordo tres d@s net@s do que foi presidente de Sudáfrica en nome da familia. 

No acto, tivo lugar unha oración inter-relixiosa que respectou a pluralidade de credos d@s asistentes e concluíu con cánticos populares africanos que se repetiron ao longo de toda a xornada ao longo e ancho do país. 

Imaxes para a historia
Mais o acto deixou tamén algunhas imaxes para a lembranza que mesmo marcarán a historia. Así o foi o saúdo entre o presidente de Cuba, Raul Castro, e o presidente dos EUA, Barack Obama, que após 51 anos de conflito desde o triunfo da revolución cubana e a imposición do bloqueo económico, financeiro e comercial contra a illa, se deron un apretón de mans. 

A imaxe, que correu con celeridades pola imprensa internacional e as redes sociais, confronta coas declaracións de Barack Obama na súa intervención. O líder estadounidense apelou no seu discurso a aqueles "gobernos solidarios" como o de Madiba mais que "continúan sen liberar aos seus pobos", en clara alusión ao goberno revolucionario de Cuba ao que EUA segue a considerar unha ditadura. 

Fronte á intervención do mandatario estadounidense, o líder cubano salientou a figura de Madiba de quen dixo "dirixiu o seu pobo na batalla contra o apartheit para abrir o camiño cara á unha nova Sudáfrica". Unha loita que, dixo, supón un "exemplo insuperábel para América Latina e o Caribe" que ven "no diálogo e a cooperación" como o camiño para solucionar "as diferenzas" e procurar "a convivencia civilizada den quen pensa distinto". 

As declaracións de Rajoy
Mais non só o saúdo entre Castro e Obama salientou nesta xornada de despedida oficial a Nelson Mandela. Neste senso, o presidente español, Mariano Rajoy saltou á palestra polas súas declaracións (podes escoitar o audio premendo nesta ligazón).

O líder do executivo asegurou que o estadio de fútbol que acolleu o acto "é impresionante" ao abeiro das imaxes que viu "por televisión desde o hotel". Un terreo de xogo que para Rajoy salienta por ser aquel onde "España se proclamou campioa do mundo fronte a Holanda". Un dos lugares, dixo, "máis emblemáticos de Sudáfrica" por esa razón. Iso si, a partir de hoxe, "seráo máis", matizou, pois o Soccer City acolle as honras a Mandela.

Imaxe tirada do portal de información Cubadebate

Comentarios