As sombras arredor dos atentados de Catalunya

Teorías conspiranoicas á marxe, hai algunhas perguntas a se facer por volta dos ataques jihadistas de Barcelona e Cambrils. Por que o imán de Ripoll, teórico líder da célula, non foi expulso do Estado cando unha orde pesaba sobre el? En que consistiu a advertencia da policía belga aos Mossos de Esquadra sobre as actividades de Abdelbaki es Satty? No meio da brétema de sombras e dúbidas reaparece un espectro: en 2015, policías españois advertiron a jihadistas de que estaban a ser investigados polos Mossos, segundo unha denuncia formulada polo corpo policial catalán.

Furgoneta ataque terrorista en Barcelona. 17 de agosto de 2017.
photo_camera A furgoneta do ataque terrorista detida sobre o mosaico de Miró, nas Ramblas.

Quen era Abdelbaki es Satty?

O imán de Ripoll. De acordo coas investigacións policiais, o líder da célula jihadista. Segundo o testemuño dun dos terroristas detidos, a súa pretensión era inmolarse nos atentados. De feito, os Mossos descubriron, entre os entullos do chalet de Alcanar (Tarragona), un cinto de explosivos real, non como os falsos que levaban adosados aos seus corpos os jihadistas abatidos polos Mossos en Cambrils e Subirats.

Mais Abdelbaki es Satty (Marrocos, 1973) non é un descoñecido para a policía española. Cumpriu 4 anos en prisión por tráfico de drogas. Cando abandonou a cadea de Castellón, sobre el pesaba unha orde de expulsión do Estado español ditada pola Subdelegación do Goberno. No cárcere, segundo informan algúns meios, coñeceu unha persoa investigada pola súa complicidade co masacre dos atentados do 11 de marzo de 2004 na estación dos camiños de ferro de Atocha (Madrid), o maior ataque jihadista no Estado, con 192 mortos.

Hai máis. O seu nome apareceu colateralmente na investigación da Operación Chacal, en 2006. Os policías descobriron a súa documentación na morada de Mohamed Mrabet, quen posteriormente sería condenado en primeira instancia como recrutador de jihadistas. Con Mrabet conviveu durante dous anos en Vilanova i la Geltrú, entre 2003 y 2005. A Operación Chacal permitiu a detención de terroristas vinculados cos atentados de Casablanca de 2003 (45 mortos, entre eles 12 dos jihadistas que perpetraron o ataque, realizado con cintos explosivos). O asunto é que todo indica que a Policía Nacional nunca informou os Mossos sobre esta conexión de Abdelbaki es Satty co terrorismo islamista.

Por que non se executou a orde de expulsión?

Porque prosperou o recurso formulado, en vía contenciosa administrativa, polos seus advogados. En primeira instancia, a representación legal de es Satty recorreu a orde formulada pola Delegación do Goberno. O seu recurso foi rexeitado. O seguinte paso dos advogados foi ir ao contencioso administrativo. Aí si que obtiveron resultado: o xuíz de Castellón tomou en consideración a apelación e o imán evitou a súa expulsión.

O xuíz non dispuña nese momento de ningún indicio sobre os vínculos do imán con terroristas, o que significa que tampouco tivo acceso á información que si obraba en poder da policía española.

A decisión de deixar sen efeito a orde de expulsión tomouna o xuíz perante o "evidente arraigo laboral en España" de Abdelbaki es Satty e considerando que o simples feito de ter antecedentes penais non debía levar aparellada automaticamente a súa deportación.

En que consistiu a comunicación da policía belga cos Mossos sobre Abdelbaki es Satty?

Na primavera de 2016 Abdelbaki es Satty estivo en Bélxica e entrou en contato co imán dunha das mesquitas da cidade de Vilvoorde. O clérigo belga achou sospeitoso o seu comportamento e informou ao respeito ao seu concello. A policía tomou cartas no asunto e un axente belga púxose en contacto cun seu colega dos Mossos de Esquadra. Un contacto que, segundo fontes consultadas por La Vanguardia, foi "informal" (se tivese tido carácter formal debería ter sido feito a través do Ministerio de Interior español).

Na súa comunicación coa policía belga, os Mossos non puideron dar noticia do relacionamento de Abdelbaki es Satty coa contorna jihadista nos anos de Vilanova i la Geltrú sinxelamente porque non foran informados ao respeito pola policía española.

En 2015 policías españoles alertaron a jihadistas de que estaban a ser investigados polos Mossos, segundo denunciou o propio corpo policial catalán

En plena tensión no relacionamento entre a policía española e a catalá, diversos meios -un artigo esta cuarta feira do director de Vilaweb, Vicent Partal, unha reportaxe esta quinta feira en Público.Es- resgataron unha historia que pon de relevo como se moven os sumidoiros do Estado. En 2015, os Mossos de Esquedra apresentaron unha denuncia contra axentes da policía española por supostamente advertir a jihadistas de que estaban a ser investigados pola policía catalá na coñecida como Operación Caronte.

Segundo informa Público.Es, os propios Mossos, en colaboración con axentes do CNI, investigaron os axentes da policía española envolvidos no chivatazo.

A revelación aos terroristas de que estaban a ser obxecto das pesquisas dos Mossos non impediu que a policía catalá puidese finalmente desarticular a célula jihadista.

O Goberno español oponse a que os Mossos podan incorporarse a Europol

Esta mesma semana, o goberno español desbotou que os Mossos se puidesen incorporar ao sistema europeo de coordinación policial Europol, unha decisión que dificultará aínda máis o traballo ao corpo policial catalán.

Comentarios