O soberanismo rexistra a súa sétima petición no Congreso para unha comisión de investigación sobre a monarquía

Piden que se investiguen as presuntas irregularidades cometidas por membros da casa real española e os seus colaboradores e colaboradoras.

O Congreso, na súa sesión do 22 de abril, debatendo o presente estado de alarma.
photo_camera Imaxe de arquivo do Congreso (Foto: Europa Press)

BNG,  ERC,  Junts, PDeCAT, CUP, PNV, EH Bildu, Más País e Compromis rexistraron esta terza feira unha nova petición para  que se cree unha comisión de investigación sobre as presuntas irregularidades cometidas por membros e colaboradores da monarquía española. É a sétima vez que o fan. Esta vez sen a sinatura de Unidas Podemos, que, con todo, avanzaron que darán apoio cando chegue á Mesa do Congreso a semana que vén. En cambio, é previsíbel que os socialistas volvan facer pinza co PP e  Vox para evitar que esta demanda siga o trámite parlamentario.

Esta vez, os partidos asinantes reclaman unha "comisión de investigación relativa á trama vinculada ás presuntas ilegalidades e irregularidades cometidas por membros da Casa Real e as influencias políticas e comerciais con Arabia Saudita".

A nova petición chega despois da segunda regularización fiscal do rei emérito Juan Carlos I, que a semana pasada declarou ante a Axencia Tributaria até 4,4 millóns de euros previamente defraudados ao fisco español. As formacións incorporan esta información á batería de feitos que queren investigar nunha comisión no Congreso dos Deputados.

En palabras do deputado do BNG, Néstor Rego, trátase de “coñecer as actividades de Juan Carlos de Borbón presuntamente corruptas e irregulares a partir das novas informacións sobre regularización en Facenda de máis de 4 Millóns de euros. Queremos saber de onde procede ese diñeiro e que se aclare todo tipo de prácticas corruptas asociadas á Xefatura de Estado”.

Como xa pasou nas seis anteriores ocasións, os votos clave do PSOE decantarán a balanza da Mesa do Congreso para impedir ou non a súa tramitación. Na anterior ocasión, unha petición deste tipo mesmo contou co aval dos servizos xurídicos da Cámara, pero os socialistas mantiveron o seu veto.

Comentarios