Debate na Asemblea Xeral da ONU

Só Israel apoia o mantimento do bloqueo dos EUA a Cuba

Xa é unha tradición sostida ao longo dos últimos 27 anos. A Asemblea Xeral de Nacións Unidas votou esta quinta feira unha resolución contra o embargo [bloqueo] a Cuba, unha medida de guerra económica contra a maior das Antillas adoptada por J.F. Kennedy en 1960. O taboleiro de marcas foi mais unha vez contundente: 189 votos a favor do fin do bloqueo e só dous en contra, o dos EUA de Trump e o do seu fiel aliado Israel.

vladimir
photo_camera Un momento do encontro da delegación cubana en Moscova coa presidencia da Duma estatal

Só unha vez en 27 anos os EUA non votaron contra o levantamento do embargo. Aconteceu en 2016, en pleno desxeo das relacións entre Washington e A Habana. Naquela altura a representación estadunidense optou pola abstención, un xesto político coherente coa visita, histórica, de Barack Obama á capital cubana, con encontro con Raúl Castro incluído.

A chegada de Trump abortou o achegamento, até o punto de, poucos días antes de se realizar esta Asemblea Xeral de Nacións Unidas, John Bolton, asesor do presidente en materia de seguridade nacional, anunciar a imposición de novas sancións a Cuba, Venezuela e Nicaragua, países que, dixo, constitúen "a troika da tiranía".

En todo caso, Cuba celebrou a votación como un novo suceso da súa diplomacia. Así o enfatizou Miguel Díaz-Canel, novo líder do país en visita oficial estes días á Rusia, onde está previsto que manteña un encontro ao máximo nível con Vladimir Putin.

A vitoria de Cuba foi máis completa que en anos anteriores porque os EUA fracasaron tamén no intento de a Asemblea Xeral da ONU asumir unhas emendas críticas coa situación dos dereitos humanos na Illa. Non acharon apoio máis que de Ucraína. O resto da comunidade internacional, desde os antigos países non aliñados até China ou os estados membros da UE, argumentaron que as alegacións de Washington non tiñan acubillo nun debate que no fondo atinxe o desenvolvimento sen trabas do comercio internacional.

O ministro de Asuntos Exteriores de Cuba, Bruno Rodríguez, argumentou perante a Asemblea de Nacións Unidas que os EUA carecen de autoridade moral para dar licións a Cuba —"ou a calquera"— en materia de dereitos humanos. 

Rodríguez acusou os EUA de cometer "crimes contra a humanidade", a evocar o lanzamento das bombas atómicas sobre Xapón, e de no interior do país violar os dereitos dos afro-americanos, hispanos, inmigrantes e persoas refuxiadas.

Comentarios