O Senado dá luz verde á reforma laboral de Milei tras eliminar a redución salarial durante baixa médica
O Senado de Arxentina votou a favor na madrugada deste sábado, 28 de febreiro, da reforma laboral impulsada polo Goberno de Javier Milei, unha norma xa ratificada hai dúas semanas na mesma Cámara, que tivo que volver pasar polo trámite lexislativo despois de que a Cámara de Deputados eliminase o polémico artigo 44, que estabelecía a redución os salarios durante as baixas médicas.
"Histórico. Temos modernización laboral", celebrou o mandatario arxentino nas súas redes sociais tras coñecer o resultado da votación, que contou con 42 votos positivos, 28 en contra e dúas abstencións.
Desta maneira, o debate da votación xiraba ao redor de aprobar o texto coa modificación da Cámara de Deputados ou manter a versión anterior, o que daba poucas opcións á oposición peronista, que aínda así tratou de que o debate non tivese lugar amparándose nun artigo do acordo da Unión Europea e Mercosur, unha moción finalmente denegada polo Senado. "Rexeitamos isto porque afecta (aos)/aos) dereitos dos traballadores, viola o artigo 14 bis da Constitución Nacional e vai impactar negativamente no emprego, precarizar o traballo e deteriorar o salario", sostivo o senador do Partido Judicialista Jorge Capitanich durante a súa quenda.
A presidenta do Senado, Patricia Bullrich, exministra de Seguridade e unha das principais aliadas do mandatario, defendeu que a reforma laboral beneficiará a creación de emprego, facendo máis flexible o mercado laboral. "En nome dos traballadores mandouse á informalidade durante anos a millóns de traballadores. Iso é unha estafa moral que nós imos tentar corrixir con esta lei para darlle certeza e previsibilidade aos traballadores e ás empresas", salientou Bullrich.
O proxecto, de máis de 200 artigos propón unha redución no cálculo das indemnizacións por despedimento, habilita o fraccionamento das vacacións e crea un banco de horas como alternativa ao pago das horas extra. Ademais, permítese a ampliación da xornada laboral diaria de 8 a 12 horas sempre que se respecte o descanso de 12 horas entre días de traballo.
Así mesmo, disolve a Xustiza Nacional do Traballo, limita o dereito á folga e establece un novo esquema para negociacións colectivas que prioriza os acordos de empresa ou rexionais sobre os sectoriais. Fontes sindicais arxentinas, xa alertaran a Nós Diario o 12 de febreiro do que ía implicar esta medida "escrava e en beneficio do capital", apuntou Ignacio Cámpora, integrante do sindicato ATE Capital.