Seguidores de Erdogan atacan e incendian sedes do pro-curdo HDP en varias cidades turcas

Os saqueos prodúcense a raíz do atentado que matou este sábado 13 militares en Kayseri e que foi condenado polo HDP. Desde o intento de golpe de estado de xullo foron detidos perto de 7.500 activistas da formación de esquerdas pro-curda.

turquía curdistán HDP
photo_camera Imaxe: Esquerda.net

Un atentado na cidade de Kayseri, no centro de Turquía, contra un autobús militar matou no mínimo de 13 soldados, nunha acción que se atribúe a TAK (Falcóns da Liberdade do Curdistán) e que axiña foi condenada polo HDP, a organización da esquerda pro-curda e terceira formación en presenza parlamentar. A condena, porén, de pouco lle valeu a un HDP ao que desde Ankara se está a sinalar e vencellar cada vez máis como compañeiros de viaxe de organizacións armadas curdas.

Pouco despois do atentado, seguidores do partido do presidente Erdogan asaltaron sedes do HDP en diferentes cidades. Atacaron catro sedes en Estambul, así como sedes en Ankara, Kocaeli, Izmir, Çanakkale, Hatay e Erzincan. Destruíron e prenderon lume a parte das instalacións, para alén de pendurar grandes bandeiras de Turquía. Segundo diversos medios, as forzas de seguridade non interviron para impedir estes ataques. Mesmo indican que nun dos casos, os militantes do HDP que tentaban impedir o asalto foron detidos.

Doce deputados, incluídos os 2 líderes de HDP, continúan no cárcere desde a súa detención en novembro. Un total de 56 alcaldes de znas curdas están tamén encarcerados, acusados de ligazón co PKK: Desde o falido golpe militar de xullo, que Erdogan aproveitou para impulsar unha vaga represiva, foron detidos 7.432 activistas do HDP, dos que 2.345 están presos.

Comentarios