Scholz e Merz xúntanse cando o segundo busca mudar a Carta Magna no Parlamento en funcións

Friedrich Merz, presidente da CDU alemá. (Foto: Michael Kappeler / DPA).
Para evitar o terzo de bloqueo de AfD e A Esquerda, o futuro chanceler busca implementar varias medidas antes do cambio na composición do lexislativo.

Apenas 24 horas logo da fin do escrutinio das eleccións federais do domingo en Alemaña, o chanceler en funcións Olaf Scholz (Partido Socialdemócrata, SPD) recibiu a terza feira na sede gobernamental o conservador Friedrich Merz (Unión), que se fixo coa primeira praza nos comicios e anunciou que buscará negociar unha coalición de Goberno co SPD.

Ao longo de hora e media, os medios locais apuntaron que terían abordado a transición no Executivo, que estará no futuro encabezado de forma previsíbel por Merz, así como iniciativas conxuntas no curto prazo. 

Sexa como for, Scholz confirmou que non formará parte das conversas e que, unha vez investido Merz, permanecerá como deputado no Bundestag.

Malia que Merz indicou que confía en que o novo Goberno se poña en marcha a mediados de abril, está tratando de implementar varias medidas antes do 24 de marzo, a data límite para a sesión inaugural do novo lexislativo.

Teito de débeda e máis gasto militar

A prioridade é aprobar unha reforma constitucional que permita evitar o teito de débeda no gasto militar e crear un fondo especial de 200.000 millóns de euros para defensa, algo que se dificultará ao conformarse a nova Cámara, na que a ultradereitista Alternativa para Alemaña (AfD) e A Esquerda sumarán máis dun terzo dos asentos, o que lles permitiría bloquear estas iniciativas.

Nesta liña, a Unión precisa para materializar estes plans do apoio de SPD e Os Verdes, favorábeis en primeira instancia ás medidas. As tres forzas superan os dous terzos no Parlamento en funcións, algo que non pasará no futuro.

A Esquerda reaccionou criticando o carácter “profundamente antidemocrático” da tentativa.