Rusia desbota calquera garantía de seguridade a Ucraína que non se negocie con ela

Ataque na cidade ucraína de Sumi. (Fonte: Europa Press)

Os xefes militares da OTAN manteñen unha "discusión franca".

“Non podemos estar de acordo con que agora se propoña resolver os problemas de seguridade colectiva sen Rusia, isto non funcionará”, sentenciou a cuarta feira o ministro de Asuntos Exteriores de Moscova, Sergei Lavrov, que advertiu que “discutir as garantías de seguridade sen Rusia é un camiño a ningunha parte”, remarcando que o país “garantirá os seus lexítimos intereses con firmeza e dureza”.

En paralelo, os líderes dos exércitos dos membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) abordaron as garantías de seguridade que poderían ofrecer a Ucraína para evitar un novo ataque nunha “discusión franca”, trasladou Giuseppe Cavo Dragone, presidente do Comité Militar da alianza controlada polos Estados Unidos.

Unha das opcións é enviar soldados de membros europeos da OTAN a Ucraína, deixando o mando en mans dos Estados Unidos, que non desprazarían tropas mais poderían proporcionar apoio aéreo, nunha operación que non estaría baixo bandeira da alianza militar, afirmou a axencia Reuters.

Esta vía foi impulsada polos membros europeos (a maioría tamén integrados na Unión Europea, UE) unha vez que Washington desbotou outorgarlles un papel relevante nas negociacións para acabar co conflito.

"Escalada agresiva"

A eles dirixiuse Lavrov, que os acusou de buscar unha “escalada agresiva” e de levar a cabo un “esforzo torpe para influír en [o presidente dos Estados Unidos Donald] Trump”.

Sexa como for, o Kremlin deixou claro en repetidas ocasións que non aceptará ningunha clase de despregadura de tropas da OTAN ao longo do territorio ucraíno, alertando de que causaría unha escalada incontrolábel na guerra.