Rexistrado un sismo de magnitude 4,6 en Marrocos

Case 3.000 vítimas mortais polos sismos.
Un vehículo fica sepultado entre os cascallos provocados polo terremoto que sacudiu Marrocos a pasada sexta feira. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera Un vehículo fica sepultado entre os cascallos provocados polo terremoto que sacudiu Marrocos. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

Nas proximidades de Ighil, a aldea no centro de Marrocos na que tivo o seu epicentro o terremoto de magnitude 6,8 na escala de Richter a semana pasada, que acabou coa vida de case 3.000 persoas, foi detectado onte un novo sismo de magnitude 4,6, que se converteu na réplica máis forte desde o primeiro movemento de terra.

As tarefas de recuperación de cadáveres aínda non remataron nos asentamentos rurais, nos que o principal problema nestes momentos é o acceso á auga, ao bloquearse o fluxo dos mananciais polo movemento de pedras xerado polo tremor e ao danarse as canalizacións para o rego, todo cando o país vive a peor seca en catro décadas. 

Alxeria defende o Sáhara Occidental

No marco da xira que Staffan de Mistura, enviado da ONU para o Sáhara Occidental, desenvolve pola rexión, o ministro de Exteriores alxerino, Ahmed Attaf, reiteroulle nunha xuntanza o seu "pleno apoio" e insistiu en que hai que respectar o "dereito do pobo saharauí á autodeterminación", algo ao que Marrocos se nega, procurando consolidar a súa ocupación do territorio. A Fronte Polisario denunciou o incremento da represión marroquí nesa zona durante a visita do enviado da ONU.

Comentarios