Unha viraxe evidente cara a dereita

[Revista de prensa] Voces nacionalistas advirten do interese dos partidos que sosteñen o réxime en saír das novas eleccións con acordos de Estado para enfrontar o desafío catalán; mentres a maioría de medios centran a súa crítica na “irresponsabilidade” dos lideres.
Hemeroteca 18 S (3)
photo_camera [Imaxe: Moncloa] Pedro Sánchez.

“O PSOE xa non ten credibilidade falando de progresismo nin para ameazar do perigo que representaría unha posible vitoria da dereita española”, di Vicent Partal no seu artigo de opinión en VilaWeb. O director do principal dixital catalán pregúntase pola estratexia do independentismo diante das novas eleccións e considera “a opción máis probábel” que os partidos independentistas continúen por separado, e advirte que diante da cuestión catalá despois de novembro PSOE e PP poderían “explorar a gran coalición”.

En La Vanguardia, Enric Juliana pon o foco no papel que pretende desempeñar Ciudadanos no curto prazo. “Rivera quixo asegurouse un posto no estribo. Se o bloque de Sevilla e Madrid (...) conseguise a maioría absoluta –obxectivo difícil pero non imposíbel–, Ciudadanos tería un lugar destacado no goberno das tres dereitas. Si vence o PSOE, o partido de Rivera tamén formará parte da maioría parlamentaria, baixo o formato que naquel momento se determine”.

Hemeroteca 18 S (1)O rotativo catalán titula na primeira da súa versión en papel: “A ineficacia dos partidos aboca á repetición electoral”. En Diari Ara son máis precisos ao sinalar o culpábel: “Sánchez aboca a España a novas eleccións”. Nesta análise coinciden coa prensa madrileña de dereita. “A cerrazón de Sánchez condena a outra repetición de eleccións”, titula El Mundo.

Gara reparte responsabilidades. O titular de primeira di: “Os cálculos de Sánchez e as tácticas de Iglesias abocan a eleccións”. E naiz, a versión dixital do diario vasco, avanza como Pedro Sánchez utilizou o pleno desta cuarta feira no Congreso “para endurecer a súa posición fronte a Catalunya” mentres reclamou “unha maioría absoluta” para o PSOE.

O editorial de El País moraliza desde o titular, “Irresponsabilidade consumada”, e enmarca o debate no subtítulo: “O fracaso da lexislatura é dos partidos, non das institucións”. E argumenta no texto: “non hai que deixarse levar polas aparencias: non son as institución establecidas pola Constitución de 1978 as que fracasaron por non haber contemplado as situacións do multipartidismo (...) son os partidos que estaban obrigados a dirixilas con eficacia e dignidade os que faltaron aos seus deberes máis elementais”.

O dixital Público anuncia una campaña electoral de Podemos “moito máis dura co PSOE”, e pon como exemplo unha mensaxe de Pablo Echenique nas redes onte: “Que quede tranquila a CEOE, a banca, os multimillonarios, os fondos voitre e as eléctricas. A xogada de ‘Querido Albert’ non era para agora. Malia que se faga o enfadado, sabe que o plan de Sánchez é facelo vicepresidente o 11 de novembro”.

Desde eldiario.es, Isaac Rosa reflexiona: “se admitimos que vale, que non nos representaban no 2011 e seguen sen facelo no 2019, daquela quen nos representará? Quen falta por aparecer, que tipo de partido, que líder? Non sei, igual é que a crise política española non é a crise destes ou daqueles partidos, senón moito máis profunda, e por suposto non se vai arranxar votando máis veces nin creando máis partidos”.

Hemeroteca 18 S (7)A convocatoria de eleccións no Estado tivo eco tamén na imprensa portuguesa. O Diário de Notícias titula na súa edición de papel: “España vese empurrada a unha repetición de eleccións en novembro”, e subliña a circunstancia de que “no espazo de catro anos, despois das eleccións de 2015, 2016 e 2019, non resultou ningún goberno de maioría absoluta, nin un goberno con apoios sólidos para conseguir cumprir unha lexislatura até o fin”. O xornal “i” resume na súa primeira: “España, o país onde ninguén se entende vai cara eleccións anticipadas”.

Os principais medios británicos, máis ocupados con Israel, non lle prestan atención a Sánchez nin á repetición das eleccións. E en Francia, Le Monde indica que a convocatoria é “a cuarta en catro anos, un signo grave crise institucional que paraliza o país desde a irrupción de novos partidos (...). Todo contra o pano de fondo dos escándalos de corrupción, a dixestión da crise económica e o aumento do independentismo en Catalunya”. 

Desde Catalunya, Vicent Partal, que ve difícil reunir o soberanismo catalán nunha mesma candidatura en novembro, atrévese a relanzar a idea dunha candidatura de todas as forzas independentistas a nivel do Estado. Otegi, o autor da proposta, dixo hoxe que os partidos estatais “van apostar por un Goberno de Estado con pactos de Estado”, segundo publica naiz.
 

Comentarios