O Reino Unido e Francia debaten enviar tropas a loitar en Ucraína no medio da escalada

Keir Starmer, líder británico. (Foto: Paulo Mumia / G20 / DPA vía Europa Press)
París demanda non pór "liñas vermellas"

No marco da escalada desatada polo presidente dos Estados Unidos Joe Biden na guerra de Ucraína hai pouco máis dunha semana, ao autorizar Kíiv a atacar territorio ruso internacionalmente recoñecido cos seus mísiles, o xornal Le Monde desvelou a segunda feira que no seo dos países europeos da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) está en marcha un debate sobre o envío de tropas destes Estados para loitar no conflito, amais de sobre se permitir ás súas empresas militares privadas participar, incrementando a cifra de mercenarios occidentais que loitan co Exército ucraíno.

O debate reactivouse coa visita hai dúas semanas do primeiro ministro británico, Keir Starmer, a Francia, e unha fonte militar británica ratificou que hai conversas en marcha neste sentido entre ambos os dous Gobernos.

De feito, foi o presidente francés, Emmanuel Macron, o que puxo esta posibilidade sobre a mesa en febreiro, unha opción que rexeitaron varios países europeos como Alemaña, após os Estados Unidos o país que máis armamento e material militar entregou a Kíiv desde a invasión rusa.

A fin de semana, o titular de Exteriores francés, Jean-Noël Barrot, instou os aliados ucraínos, na súa maioría agrupados na alianza militar controlada por Washington, a non estabelecer nin expresar “liñas vermellas” no tocante ao apoio a Ucraína, nunhas declaracións que se produciron logo de advertir o presidente ruso, Vladimir Putin, que se reservan o dereito a atacar países que autoricen os militares ucraínos a usar as súas armas contra Rusia.

Ao respecto, a ex chanceler alemá Angela Merkel insistiu en que ao bloquear o ingreso de Ucraína na OTAN en 2008 evitou que a guerra tivera comezado antes posto que “Putin non se tería quedado de brazos cruzados”, defendendo que este tempo permitiu a Ucraína prepararse, algo que fixo con axuda da propia OTAN.

Ao tempo, explicou, en alusión a unha potencial guerra atómica, que “non deberíamos quedar paralizados polo medo, mais tamén debemos recoñecer que Rusia é a maior potencia nuclear”.

A escalada impulsada por Biden chegou poucas semanas antes de que tome posesión Donald Trump como presidente estadounidense, logo de prometer forzar a fin da guerra.

Mike Waltz, elixido por Trump como asesor de seguridade nacional, detallou que “temos que discutir quen vai estar arredor da mesa, se é un acordo, un armisticio, como conseguimos que ambas as partes senten arredor da mesa e cal será o marco para un acordo”.