Reducir o fondo europeo a 700.000 millóns, a metade en transferencias, nova oferta dos estados “frugais”

As negociacións para o fondo de recuperación, que continuarán esta segunda feira no Consello Europeo, seguen pendentes das diferencias.

O primeiro ministro holandé, Mark Rutte e o canciller austriaco Sebastian Kurz (European Council/ Mario Salerno).
photo_camera O primeiro ministro holandés, Mark Rutte e o canciller austriaco Sebastian Kurz (European Council/ Mario Salerno).

Os primeiros ministros de Países Baixos, Dinamarca, Suecia, Austria e Finlandia expuxeron ao resto de socios unha nova proposta que pasaría por reducir o fondo europeo de recuperación até os 700.000 millóns de euros e distribuír esta cantidade a partes iguais entre transferencias non reembolsábeis e préstamos.

Os catro “frugais” fixeron esta oferta ao resto de capitais sobre a base dunha "suxerencia de compromiso" elaborada pola delegación finlandesa, segundo detallaron fontes diplomáticas. Así, o plan de reconstrución europeo estaría formado por 350.000 millóns de euros dirixidos aos gobernos en forma de subvencións a fondo perdido e por outros 350.000 en forma de préstamos.

Con todo, esta formulación está condicionado a que o control das axudas e o resto de cuestións abertas (como o respecto ao Estado de dereito ou os cheques que reducen a súa achega ao orzamento comunitario) se resolvan dunha forma que sexa aceptábel para os seus intereses.

É dicir, que se beneficien de maiores reducións no diñeiro que deben achegar ás contas comunitarias (e que deben pagar o resto de Estados membros) e que se estabeleza un férreo control antes de aprobar o desembolso das axudas do plan de recuperación.

Os xefes de Estado e de Goberno da UE reuníronse todos xuntos por primeira o pasado domingo pasadas as 19 horas. Até entón sucedéronse os contactos bilaterais e as reunións en grupos reducidos para tentar achegar posturas e desbloquear a situación

Unha destas reunións, por exemplo, xuntou os estados do sur (España, Italia e Grecia) co grupo dos "frugais" (Países Baixos, Dinamarca, Austria, Suecia e Finlandia), a chanceler alemá, Angela Merkel, e o presidente francés, Emmanuel Macron.

Comentarios