A rebelión en Europa contra o certificado de vacinación medra e diversifícase

O movemento contra as restricións pola Covid-19 e as medidas dos Gobernos para alentar a vacinación volveu saír ás rúas das grandes cidades europeas. Se en Italia ten un cariz máis marcadamente político e está a ser utilizado pola extrema dereita, en Francia é máis diverso e nútrese do malestar previo en certos sectores polas carencias económicas.
EuropaPress_3864072_31_july_2021_france_paris_people_take_part_in_demonstration_held_against
photo_camera Manifestación do sábado pasado na capital francesa contra as restricións da Covid-19 (Foto: Sadak Souici / Le Pictorium Agency)

Francia, Italia, Alemaña... unha fin de semana máis, miles de manifestantes saíron ás rúas de varias cidades europeas ─con especial afluencia no caso francés e especial intensidade no alemán─ para protestar contra as restricións pola Covid-19, contra a vacinación en xeral e principalmente contra os plans dos Gobernos de condicionar o acceso a certos lugares públicos á inoculación. 

As persoas que queiran xantar nun restaurante, visitar un museo ou nadar nunha piscina non poderán facelo en caso de non contar cun certificado de vacinación ou un test negativo. Unha medida que os seus defensores consideran que dá seguridade e axuda a conter a pandemia; e que os seus detractores cren que ataca as liberdades civís e discrimina as persoas que non queren recibir a vacina.

Francia 

O Parlamento galo aprobou o 26 de xullo a norma que entrará en vigor a partir desta fin de semana. Ducias de miles de persoas saíron ás rúas de París e doutras cidades en contra da medida. Segundo fontes policiais citadas por France 24, tres axentes da Policía resultaron feridos na capital e 19 persoas foron arrestadas en toda Francia na terceira fin de semana consecutiva de protestas. 

Os medios galos salientaron a notábel asistencia, nun momento que coincide coa época vacacional de moitas persoas. Ademais, constatouse un aumento progresivo do número de asistentes, ligado á revitalización do movemento dos "chalecos amarelos" (o movemento de protestas iniciado a finais de 2018 contra a suba dos impostos aos carburantes e do custo da vida). O Goberno cifrou en máis de 204.000 os participantes, 40.000 máis que a fin de semana anterior.

Tamén salienta a transversalidade ideolóxica do movemento opositor. Exemplifícao o feito de que tanto a líder ultradereitista Marine Le Pen como o esquerdista Jean-Luc Mélenchon se opón á obrigatoriedade do certificado de vacinación para acceder a lugares públicos. 

Italia

Do outro lado dos Alpes, é principalmente a extrema dereita quen está a capitalizar as protestas contra as medidas restritivas do Goberno italiano. Tamén aquí, co fin de frear o avance da variante Delta en tanto que non se logra a inmunidade de grupo, estabeleceuse a necesidade de contar cun 'pasaporte sanitario' que franquee a entrada de lugares públicos. 

Segundo datos oficiais, a demanda de vacinación aumentou até en 200% nalgunhas rexións de Italia tras o anuncio de que a partir deste 6 de agosto será obrigatorio presentar o documento para acceder a un bar, a un cine ou a un estadio de fútbol.

As manifestacións en Italia tiveron menor respaldo que na veciña Francia. Con todo, houbo mobilizacións nunha ducia de cidades: 9.000 persoas en Milán, 5.000 en Turín, 3.000 en Roma ou 2.000 en Nápoles, segundo Il Fatto Quotidiano, reuníronse nas principais prazas. Alí cargaron contra as farmacéuticas e compararon a suposta persecución que reciben as persoas non vacinadas coa dos xudeus na Alemaña nazi. Paradoxalmente, membros de organizacións fascistas como CasaPound ou Forza Nuova participaron nas marchas.

O Comitato libera scelta ("Comité libre elección"), que se autodefine como un "comité de cidadáns libres, apartidista e apolítico, aberto a calquera que pretenda apoiar a plena liberdade de elección en materia de saúde", anunciou novas mobilizacións. Para o 4 de agosto está convocada unha concentración con fachos na Piazza del Popolo de Roma.

Alemaña

E malia estaren prohibidas, tamén se desenvolveron importantes protestas en Berlín, que desencadearon unha intensa intervención das forzas de seguridade. Arredor de 600 persoas foron detidas, houbo numerosos feridos e un dos manifestantes, de 49 anos, perdeu a vida cando estaba baixo custodia policial. 

O home, segundo a versión dos axentes, queixouse de dores no brazo e no peito cando estaba a ser identificado. Foi atendido e posteriormente trasladado a un hospital, onde faleceu. As autoridades, informou esta segunda feira, 2 de agosto, Süddeutsche Zeitung, abriron unha investigación sobre o suceso. O departamento de Policía defendeu a súa actuación, que contou cun amplo despregue de 2.000 axentes; e as autoridades, a decisión de prohibir as marchas. 

En Alemaña as restricións varían entre os länder, mais esta xeneralizada a presentación dun certificado sanitario para poder comer dentro dun restaurante ou aloxarse nun hotel. Aquí é o movemento Querdenker ("pensadores transversais") quen aglutina a oposición ás limitacións. Moitos dos seus membros son persoas que proceden da esquerda ideolóxica, agora en tránsito cara a postulados de ultradereita. 

EUA desbota impor novos confinamentos

O principal responsábel da loita contra a Covid en EUA, Anthony Fauci, desbotou novos confinamentos no país. "Creo que non chegaremos á situación do inverno pasado", sinalou nunha entrevista na canle ABC, argumentando que a porcentaxe de vacinados "é suficiente para evitar o risco de colapso sanitario".

"Temos 100 millóns de persoas que se poden vacinar e non o están a facer", criticou porén. E ante os que defenden que vacinarse ou non é unha decisión individual, retrucou que son os que non o fan quen están a "invadir os dereitos individuais" do resto porque están "permitindo a propagación e a extensión do surto" da Covid-19.

Ademais, Francis Collins, director dos NIH (a axencia federal de investigación médica dos EUA) dixo que é probábel que as empresas comecen a exixir aos seus empregados que estean vacinados, como acaban de facer Disney e Walmart.

Comentarios