Rañaceos, iates, restaurantes e discotecas: Trump difunde un vídeo que recrea unha Gaza poslimpeza étnica
Despois do rexeitamento xeneralizado á súa proposta de ocupar Gaza e perpetrar unha limpeza étnica para convertela nun activo inmobiliario, que incluíu á inmensa maioría dos seus aliados e que levou os países da rexión a aprestarse a deseñar un plan de reconstrución que non implique a expulsión da poboación palestina da Faixa, o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, publicou a cuarta feira nas súas redes sociais un vídeo creado por intelixencia artificial no que especula con como sería o enclave tras o que está considerado un crime contra a humanidade.
Entre rañaceos e unha estatua dourada do propio Trump, cos seus característicos hoteis, o mandatario aparece nunha discoteca ou tombado en traxe de baño nunha hamaca á beira dunha piscina canda Benjamin Netanyahu, primeiro ministro do Goberno de ultradereita israelí.
Musk, de vacacións
Tamén está o membro do seu equipo Elon Musk, comendo e rodeado de billetes en actitude festiva. No vídeo multiplícanse os restaurantes, tendas e negocios de praia.
Xa na Gaza real, devastada por 15 meses de xenocidio israelí acompañado por bombardeos indiscriminados contra a poboación civil, a organización palestina Hamás fixo público que alcanzou un acordo para desbloquear a situación após negarse os sionistas a cumprir cos termos do alto o fogo e non liberar o pasado sábado 620 palestinos no intercambio desa xornada.
Último intercambio da primeira fase do alto o fogo
Nese sentido, detallou que sairán das prisións israelís ao ser entregados os corpos dos últimos catro detidos sionistas, o que se prevé a quinta feira, que forman parte desta fase da tregua, e a cambio serán liberadas mulleres e crianzas palestinas.