Rajoy podería ter incorrido nun delito de encobrimento

De se demostrar que o presidente do Goberno español pediu a Luís Bárcenas que negase a contabilidade B do PP e o pagamento de sobresoldos, os problemas de Mariano Rajoy tornaríanse xudiciais. Desde Moncloa non negan a veracidade dos SMS publicados por El Mundo, o que afianza a tese do encobrimento

As mensaxes de texto atribuídas polo ex-tesoureiro a Mariano Rajoy poderían ser a chave para determinar o alcance e repercusións do 'caso Bárcenas' na figura do mandatario español. Neste senso, de se demostrar que o presidente do executivo instou a Bárcenas a ocultar a trama de financiamento ilegal do partido, Rajoy podería ter incorrido nun delito de encubrimento.

Isto é, embora non tiver participado de maneira directa si tería pedido a Luís Bácenas que negase a existencia dunha contabilidade B e do pagamento de sobresoldos á cúpula do PP como recollen os SMS publicados esta fin de semana polo diario español, El Mundo. 

Neste senso, a declaración xudicial do ex-tesoureiro perante o xuíz Ruz podería ser determinante. De acordo coa información tirada polo rotativo madrileño, Bárcenas presentará ao maxistrado os documentos que acreditan a veracidade das súas declaracións e mesmo unha memoria dixital na que se detalla polo miúdo o financiamento irregular do partido --onde o PPdeG xoga un papel protagonista. 

Aliás, deberá responder polo contido das mensaxes partilladas co presidente do Goberno español. Mansaxes cuxa autoría tería sido confirmada pola propia Moncloa que non as desmentiu e mesmo asegurou que deixaban ver a un presidente que non claudicou perante as ameazas do que foi responsábel das contas do PP durante anos. 

Comentarios