mércores 28/10/20

Quim Torra: "Temos que recuperar o espírito gañador do 1 de outubro"

Entrevista ao president da Generalitat de Catalunya, Quim Torra, horas antes de que se coñeza a resolución do Tribunal Supremo español sobre a súa inhabilitación como xefe do Govern.

O president da Generalitat de Catalunya, Quim Torra (Imaxe: Vilaweb)
O president da Generalitat de Catalunya, Quim Torra, na sede do Govern (Imaxe: Albert Salamé)

Entrevistamos o president da Generalitat, Quim Torra, sabendo que posibelmente sexan as últimas horas do seu mandato como president da Generalitat de Catalunya. A tensión é tan alta no mundo político catalán, que mesmo as sombras do patio do Palau de la Generalitat parecen máis duras na parede da galería gótica. É mediodía. O carillón e as campás da Catedral soan ao mesmo tempo mentres unha broca dun carpinteiro, que arranxa unha xanela, tenta sobresaír co seu ruído estridente. O vento fai que o ceo teña un azul limpo e radiante. En calquera momento pode chegar a decisión do xurado de inhabilitar o president.​

-Como president de Catalunya está a piques de ser inhabilitado, que ten que dicir?

-O que pasou durante estes meses e anos mostra os límites da autonomía. Un Parlament que non pode aprobar as resolucións que toma, temos 2.850 represaliados e é posíbel que nos atopemos cun president inhabilitado por defender a liberdade de expresión...

O país debe ser consciente de que isto non pode continuar así. Non podemos ir topando contra as costuras da autonomía e quedar dentro destes límites. Debemos darnos conta de que isto tarde ou cedo implica a necesidade dun salto colectivo da nación. Isto pasa por un corte en seco, pasa pola ruptura democrática e por defender a independencia. Esta é a mensaxe máis importante que eu querería enviar.

Para un independentista non conseguir a independencia sempre ten un punto de decepción. Pero ao mesmo tempo é un combate pola esperanza

Chegamos a un punto en que nos estamos xogando se a autonomía acaba consumíndonos ou se realmente todos xuntos facemos o que hai que facer. E o que se debe facer só pode pasar por unha ruptura democrática.

-Aceptou a Presidencia coa idea de facelo, pero non pasou.

-Eu quero dirixirme á xente que foi sempre, que continúa traballando de maneira anónima pola independencia, que me deu o seu apoio e que se poida sentir decepcionada porque non chegamos máis alá.

Entendo que haxa esa decepción. Para un independentista non conseguir a independencia sempre ten un punto de decepción. Pero ao mesmo tempo é un combate pola esperanza, como xa dixo Josep Benet. Debemos ter a perspectiva das datas chaves e saber que un proceso de independencia exixe unha liña recta que, como acabo de dicir, pasa pola ruptura democrática.

-Por que non pasou?

-Atopámonos cunha situación dunha complexidade enorme. A min faime graza cando pretenden separar o poder xudicial do executivo. Todos os poderes do estado de maneira sistemática e coordinada dedicáronse á persecución do independentismo catalán e isto tivo o seu efecto.

Debemos recoñecer que a represión tivo efecto e que moitos esforzos tivemos que dedicalos a defendernos desta represión.

Debemos recoñecer que a represión tivo efecto e que moitos esforzos tivemos que dedicalos a defendernos desta represión. Isto explica que en gran medida non puidésemos avanzar.

Penso que para poder facer este salto colectivo necesitas tamén unha vontade colectiva maioritaria no Parlament e quizais esta vontade non existe. E por tanto as futuras eleccións catalás teñen unha importancia capital.

-Por que?

-Porque necesitamos unha maioría determinada, decidida, consciente do momento histórico. Non podemos continuar cunha autonomía intervida e con estas persecucións.

As desobediencias persoais e individuais non son a solución. Á independencia chegamos cun salto colectivo ou non chegamos.

Temos que volver recuperar o espírito gañador do 1 de outubro, que é de expor o reto da ruptura co estado e a desobediencia colectivamente. As desobediencias persoais e individuais non son a solución. Á independencia chegamos cun salto colectivo ou non chegamos.

-Antes falou dos límites da autonomía, na pandemia víronse. Nese momento do inicio todo tiña un punto como de irreal. Como se toda a estrutura institucional saltase polo aire e isto demostra que o capricho dunha persoa podía máis que nada. Non había máscaras por que un señor de Madrid non sabía onde compralas.

-É certo que cando miras atrás ves este punto de irreal. Tamén é un momento que se che fai presente con toda a súa crueza. Ves quen se arremanga, quen toma decisións e quen está pendente da situación ou que se pon de perfil. Para min nese momento o presidente Sanchez foi unha enorme decepción.

Implorei ao presidente Sánchez que decretase o confinamento

Lembro que aqueles 15 días que Catalunya vivía unha situación moi perigosa, como a vivía Madrid e pediamos o confinamento total. O que terminou pasando quince días despois. Nesta época eu enviaba unha mensaxe cada día a Sánchez. Cheguei a facer o que non fixo talvez ninguén. Implorei ao presidente Sánchez que decretase o confinamento, que nos estabamos xogando a vida de moita xente e decepcionáronme moito as súas respostas. Mesmo lle dixen que esquecera que o propuxera eu, pero fágao: é a vida das persoas.

E alí vin un presidente que naqueles momentos se sentía presionado por outros condicionantes que non eran os mesmos. Tiven a sensación de que nese momento coñecín o verdadeiro Sánchez, o de verdade.

-Hai un paradoxo, chega para facer a independencia e non a xestión e, en cambio, seguramente a súa Presidencia pasará á historia pola xestión que fixo da pandemia. Durante estes anos foi sometido a unha ridiculización moi grande...

-O proceso de ridiculización ao que se me someteu a min non diría que me honra pero os presidentes os que a liberdade de Catalunya foi a súa guía, todos foron tachados de tolos nun momento ou outro. E remítome ao president Macià, clarisimamente.

Se ti vas pola independencia estás a atacar o status quo e entón o sistema deféndese. A mellor maneira para defenderse é ridiculizándote.

Se ti vas pola independencia estás a atacar o status quo e entón o sistema deféndese. A mellor maneira para defenderse é ridiculizándote. Isto a min non me preocupou porque cando fun polas vilas de Catalunya non atopei quen me tratase así. Non atopei nin xente asubiando nin apedreándome. Sempre fun moi ben recibido. Só teño palabras de agradecemento á cidadanía catalá.

-Que espera que faga o Parlament a raíz a súa posíbel inhabilitación?

-O Parlament demostrou ser unha das institucións máis limitadas.

-Pero que espera?

-Espero o seu apoio, que estea como sempre á beira da democracia, pero todos sabemos a situación na que vivimos. Nestes momentos de tanta dificultade eu miraría cara a este futuro próximo que temos e vería o independentismo como un motor de cambio social.

Aquí temos un referendo ou unhas eleccións por diante que deben marcar un punto de inflexión cara a un salto colectivo.

-Os presos están peor...

Agora tramitarán uns indultos que están obrigados a tramitar? e iso que soluciona? Nada. O único que soluciona é unha lei de Amnistía e que eu saiba hai unha maioría no Congreso que con vontade política pode resolver o conflito catalán.

Presentar unha lei de amnistía sería un xesto, tramitar un indulto non o é.

Presentar unha lei de amnistía sería un xesto, tramitar un indulto non o é. É un puro acto administrativo sen ningún valor, que non nos vendan máis historias.

-Están a cebarse cos presos?

-Eu diría cousas que serían unha barbaridade. Esta semana fun dar o pésame ao pai de Jordi Turull, tamén morreu o pai do President Puigdemont... Asistimos a unhas escenas de crueldade, de inhumanidade que eu non cría que as podería vivir.

Eu coñézoos de hai pouco, pero hai xente que se coñece de hai anos e anos e quédanse mirando como se non fose con eles. Pero de verdade como é posíbel isto? Cando morreu o pai de Carrizosa [líder da oposición no Parlament e dirixente de Ciudadanos] eu chameino. Hai un punto de humanidade de mínimos. Alguén pensa que podemos continuar así mentres aos presos e aos exiliados lles morren? Non me preguntedes máis por iso que diría barbaridades.

-Unha pregunta final, se o botan así é porque molesta?

-Creo que lles enfadei moito. Houbo unha idea de que eu era como unha pedra no zapato e tíñanme que sacar de encima.

Teño unha certa satisfacción de telos amolado tanto

Teño unha certa satisfacción de telos amolado tanto. Sinceramente, ao meu admirado Carrasco i Formiguera, no Parlament de Madrid, dicíanlle é que vostede é un nacionalista radical e contestaba isto é unha das mellores cousas que me dixeron nunca. Pois un pouco é iso tamén.

comentarios