Que significa 'FAFO' e por que é tan importante para entender a concepción agresiva que Trump ten da súa política exterior?
Fuck around and find out (FAFO) é un termo de xerga coloquial (o que no mundo anglosaxón se coñece como 'slang') que significa algo así como 'atrévete a molestar e verás o que che pasa'. Esta expresión, acrónimo ou palabra, moi empregada en redes, está a ser convertida polo presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, como doutrina da súa política exterior.
Esta forma vulgar de expresarse está a protagonizar a comunicación política, por incríbel que pareza, do presidente dos Estados Unidos de América, e mesmo foi protagonista de publicacións en redes sociais da propia Casa Branca, mais alá dos perfís individuais de Donald Trump.
En palabras do secretario de Estado dos EUA, Marco Rubio, os e as líderes internacionais enfróntanse a Trump baixo o seu propio risco, unha forma que se podería considerar matona de concibir as relacións internacionais, ou estás comigo, ou aceptas o que che impoño, ou atente ás consecuencias. Ou estás comigo ou contra min.
"Aínda non entendo como non descubriron isto", dixo o secretario de Estado de Trump a xornalistas sobre as e os líderes internacionais do resto do mundo en Mar-a-Lago, onde está a mansión do presidente dos Estados Unidos en Florida, poucas horas despois do secuestro do presidente de Venezuela, Nicolás Maduro.
Mais a doutrina do FAFO non é unha cuestión única de Venezuela nin do ano 2026, Trump xa leva tempo xactándose da súa agresividade para impor a forza dos Estados Unidos e obrigar (ou intentalo) o resto do mundo a seguir o camiño que el quere, e faino a través de fotos súas coa lenda desta palabra do slang desenvolvendo unha práctica pouco diplomática e que supón unha afronta sobre a soberanía dos pobos do mundo.
"O país que deu ao mundo a Doutrina Truman e a Doutrina Reagan, así como o aparente favorito de Trump, a Doutrina Monroe [baixo o corolario Roosevelt e o actual corolario Trump] coa, agora abraza a política de seguridade nacional máis clara e ostentosamente belicosa: Fai o parvo e xa verás", destaca o xornal The Atlantic nunha recente análise.
O propio xefe do Pentágono de Trump, o autodenominado (até que o Congreso aprobe o cambio de título) secretario de guerra, Pete Hegseth, empregou esta xerga para xustificar a agresión sobre a República Bolivariana de Venezuela e o secuestro de Nicolás Maduro. "Effed around and he found out (actuou de forma arriscada e descubriu as consecuencias", afirmou sobre o venezolano.
Con todo, esta retórica xa vén sendo empregada por Trump en máis casos con anterioridade, e todo indica que seguirá a ser a súa forma de imposición internacional. Nas mans da comunidade internacional está o seren permisivo co actual presidente dos EUA e seguir as súas ocorrencias ou tomar cartas no asunto para pór fin a esta espiral de imposicións.