Qatar organiza un cumio árabe-islámico para responder Israel

Doha reitera que haberá "unha resposta rexional".
Mohammed Al Thani, primeiro ministro de Qatar, o 28 de xullo de 2025. (Foto: Lev Radin / Europa Press / Contacto)
Mohammed Al Thani, primeiro ministro de Qatar, o 28 de xullo de 2025. (Foto: Lev Radin / Europa Press / Contacto)

O domingo e a segunda feira desenvolverase en Qatar unha cimeira de países árabes e de maioría de poboación islámica co obxectivo de abordar o bombardeo israelí da terza feira, no que buscaba matar o liderado de Hamás no exilio, que estaba a estudar unha proposta de tregua que os sionistas viñas de aceptar, formulada polo presidente dos Estados Unidos Donald Trump, informou a quinta feira a prensa local.

Mohammed Al Thani, primeiro ministro de Qatar, sostivo que haberá unha “resposta rexional” ao “terrorismo de Estado” israelí, adiantando que “agardamos algo significativo que disuada Israel de continuar con esta intimidación”. Agás os Estados Unidos, a agresión militar tamén foi condenada amplamente por aliados do réxime sionista.

Malia que os altos cargos de Hamás sobreviviron ao ataque seis persoas perderon a vida, cinco delas da organización palestina e a última un membro das forzas de seguridade qatarís, cuxos funerais decorreron a quinta feira no país do golfo Pérsico. A pesar disto, Doha reiterou que non abandonará o seu papel como mediador para pór fin ao xenocidio.

Asemade, Al Thani sentenciou que ao primeiro ministro do Goberno de extrema dereita israelí, Benjamin Netanyahu, “hai que levalo ante a Xustiza”, despois de que deixara entrever que repetirán o ataque cando consideren, exixindo a Qatar que expulse ou xulgue os líderes de Hamás.

O qatarí acusouno directamente de impedir un cesamento do fogo, asegurando sobre os presos israelís en Gaza que “creo que o que fixo foi matar calquera esperanza”. De forma paradoxal, Hamás conta cunha oficina política en Qatar desde 2012 porque os Estados Unidos pediron ao país que estabelecera liñas de comunicación co grupo, que goberna Gaza.

En todo caso, aínda non está claro o papel de Washington no ataque, que se produciu a poucos quilómetros da súa base militar máis grande na rexión. Aínda que funcionarios israelís defenden que o autorizou Trump tratou de desvincularse do bombardeo contra un aliado co que asinou hai poucos meses acordos de armas millonarios, o que abre a porta a que o resto dos seus socios na área cuestionen até que punto poden confiar na protección estadounidense.

Asemade, o réxime de Netanyahu lanzou unha vaga de ataques aéreos contra o sur do Líbano, e os hutís, no Iemen, transmitiron que 35 persoas foron asasinadas nos bombardeos sionistas.

Xa en Gaza, os militares israelís mataron 10 persoas que buscaban axuda humanitaria no medio da fame negra que crearon deliberadamente. Case 67.000 persoas foron asasinadas no xenocidio desde outubro de 2023.

Comentarios