"Un puto desastre vai ser isto presi": revélanse as mensaxes entre Mazón e Feixoo o día da dina que azoutou o País Valencià
O líder do PP sabía da aparición dos primeiros falecidos en Utiel antes de que o ex presidente da Generalitat o fíxese público.
O ex presidente da Generalitat valenciana Carlos Mazón intercambiouse mensaxes de 'whastapps' co líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, desde as 20.08 horas até as 23.29 do 29 de outubro de 2024, día da tráxica dina en Valencia que deixou 230 falecidos, nos que lle relataba a gravidade da catástrofe. "Un puto desastre vai ser isto presi", sentenciou o entón dirixente autonómico.
Feijóo remitiu esta cuarta feira ao Xulgado de Instrución de Catarroja, que investiga a xestión da dina, as mensaxes de 'whatsapps' que se enviou co ex presidente valenciano o día da traxedia, e solicitou que a comparecencia prevista para o 9 de xaneiro como testemuña se producise por medios telemáticos.
O líder do PP remitiu unha acta notarial á xuíza "que dá fe de todos e cada un das mensaxes recibidas nese día por parte do 'ex president'", así como un documento co contexto das conversacións que se produciron "para a súa mellor comprensión".
No escrito, Feixoo explicou que foi el quen principiou ás 19.59 horas o primeiro contacto con Mazón o día da dina tras coñecer, "polos medios de comunicación", a gravidade da situación en Valencia. Nese primeiro 'whatsapp', o líder estatal de PP trasladou a súa solidariedade e púxose ao dispor do entón 'president' para o que "puidese necesitar".
Ás 20.08 horas chegou a primeira resposta de Mazón. "Grazas Presi", respondeu. "Logo cóntoche. Está a foderse cada minuto", continuou o dirixente valenciano que, sobre as 20.15 horas, mandoulle outra mensaxe: "Noite longa por diante".
Segundo o contexto achegado por Feixoo ao xulgado, ás 21.44 horas recibe outra mensaxe por parte de Mazón xustificando que o chamaba para pedirlle o teléfono móbil do ex presidente de Telefónica, José María-Álvarez Pallete. O líder do PP indicou que non podía atender a chamada porque estaba nun acto institucional, pero facilitoulle o contacto.
Ás 21.45 horas, Mazón agradécelle a Feixoo as súas palabras e infórmalle: "Estamos desbordados, non sabemos o que está a pasar realmente pero chégannos decenas de desaparecidos e non podo confirmalos". Feixoo, na conversación daquela noite, tamén lle preguntou polo involucramento do Goberno estatal na xestión da traxedia e a posto a disposición de axuda e efectivos.
"Non vale para nada"
Noutra mensaxe posterior, ás 23.21 horas, o ex presidente valenciano sinala a Feixoo que o Goberno "máis ou menos si" está a disposición, aínda que asegura que "montaron un gabinete de crise que non vale para nada". "Bah", engade sobre o comité de crise que o Executivo estatal organizou aquela noite, presidido pola vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero.
Mazón tamén lle informa, ás 23.23 horas, que falou co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, coa vicepresidenta Montero; ademais da ministra de Defensa, Margarita Robles, o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, "para que teñan en prealerta posíbeis efectivos para mañá".
A esa mesma hora, Mazón abunda na gravidade da situación. "O problema agora é que non podemos nin entrar en moitos pobos con xente nos tellados morta de medo", subliña, para despois afirmarlle a Feixoo que naquel momento, a través da Delegación do Goberno, tiñan o que necesitaban, que é a Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Ás 23.25 horas, noutro 'whatsapp' a Feixoo, Mazón avánzalle que "xa están a aparecer mortos en Utiel" pero non o fixeron público e que "van aparecer máis". "Un puto desastre vai ser isto presi", coméntalle. A última comunicación aquel día entre ambos foi ás 23.29 horas.
Por outra banda, Feixoo indica que, a partir daquel día, recibiu a mesma información que manexaban as institucións e que coñeceu a través da Generalitat, "dado que ningunha outra administración" le trasladaba "información adicional".
Tamén o líder do PP asume como "erro" unha frase que dixo na súa declaración con Mazón a quinta feira 31 de outubro, dous días despois da traxedia. "Puxen de manifesto que o presidente da Generalitat, desde a pasada segunda feira, veume informado en tempo real'. Tratouse dun erro, pois o 29 de outubro de 2024 foi terza feira e non segunda", expón Feixoo.



