Putin reúnese co enviado de Trump antes da fin do ultimato para que remate coa guerra

Vladimir Putin, mandatario ruso, e Steve Witkoff, enviado especial do presidente dos Estados Unidos Donald Trump, o 6 de agosto de 2025 no Kremlin, situado en Moscova (Rusia). (Foto: Gavriil Grigorov / Europa Press / Contacto)

Moncloa desbota comprar cazas estadounidenses.

Vladimir Putin, presidente de Rusia, recibiu a cuarta feira no Kremlin Steve Witkoff, enviado especial do mandatario estadounidense Donald Trump, para abordar a fin do conflito en Ucraína, nunhas negociacións “útiles e construtivas” segundo Yuri Ushakov, asesor da Presidencia rusa.

Moscova “enviou algúns sinais” e “recibiu algúns sinais de Trump”, detallou, engadindo que trataron as perspectivas de desenvolvemento da “asociación estratéxica” bilateral.

Trátase da quinta visita de Witkoff ao país desde comezos de ano, e prodúcese xusto antes da fin mañá do ultimato de Trump a Rusia para acabar coa guerra, abrindo a porta a impor aranceis de 100% aos seus produtos e máis sancións coercitivas o día seguinte.

O secretario de Estado estadounidense, Marco Rubio, sostivo na tarde da cuarta que “máis tarde” faría un anuncio ao respecto, “quizais positivo, quizais non”. Ao tempo, a axencia Bloomberg reportou que o Kremlin valoraba ofrecer concesións a Washington, como unha tregua aérea en Ucraína.

Tras a fin da reunión no Kremlin, a axencia Reuters e o portal Axios publicaron que Trump estaba falando con Volodimir Zelenski, o presidente ucraíno.

Amais, logo de ameazar con máis aranceis países que comercian con Rusia, o líder dos Estados Unidos promulgou unha orde que implementa unha taxa adicional aos produtos indios de 25%, xustificada pola importación “directa ou indirecta de petróleo da Federación Rusa”, deixando en 50% o gravame total.

Antes, Nova Deli criticara a dobre vara de medir do país americano e da Unión Europea (UE), que “tamén comercian con Rusia”, mencionando produtos enerxéticos ou químicos.

En paralelo, a cuarta feira transcendeu que o Ministerio de Defensa español descartou a compra de avións de combate estadounidenses F-35, freando os contactos preliminares nese sentido. Desta maneira, o Gabinete estatal apostaría polo Eurofighter ou o Futuro Sistema Aéreo de Combate (FCAS), ambas as dúas iniciativas xurdidas no seo da Unión Europea (UE), nun apartado ao que dedicará 6.250 millóns de euros.

A decisión chega no medio do distanciamento con Washington pola negativa da Moncloa a aplicar o acordo da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) forzado pola Casa Branca para elevar a 5% do produto interior bruto (PIB) o gasto militar, algo que fixeron outros estados pero en declaracións de perfil máis baixo, e ao que reaccionou Trump ameazando con aranceis específicos para o Estado español.