Putin afirma ante a prensa: "Non temos intención de entrar en guerra con Europa, mais se ela quere, estamos listos agora mesmo"
O presidente de Rusia, Vladímir Putin, explicou ante a prensa por que os Estados europeos aliados da OTAN non participan nas negociacións de paz para pór fin ao conflito ucraíno. O mandatario ruso destacou que estes Estados excluíronse a si mesmos do proceso de paz xa que a tese de inflixir unha derrota estratéxica a Rusia segue vixente neles até hoxe.
"Non imos entrar en guerra con Europa, xa o dixen 100 veces. Mais se Europa de súpeto quere entrar en guerra connosco e o fai, estamos preparados agora mesmo", aseverou. Ademais, agregou que estes Estados europeos viven nestas "ilusións", aínda que "entenden reflexivamente" que é algo do pasado e que non podía ser.
"Confundiron o desexado co real. Non poden admitilo ante si mesmos", declarou. Ademais, o presidente de Rusia indicou que "se Europa inicia unha guerra con Rusia, pronto Moscova non terá con quen negociar". Neste contexto, tamén denunciou que o bloque comunitario non ten "unha orde do día pacífica".
Putin acusou os Estados europeos aliados da OTAN de facer demandas para un posíbel acordo de paz en Ucraína que para Rusia, afirmou o mandatario, son "absolutamente inaceptábeis". Segundo engadiu, debido á insatisfacción dos resultados do dialogo de paz real, comezaron a "obstaculizar" a Administración estadounidense e ao propio presidente dos EUA, Donald Trump, no propósito de "alcanzar a paz mediante negociacións".
Así o manifestou o líder ruso durante un foro de investimento en Moscova, e pouco despois da chegada do enviado especial dos Estados Unidos, Steve Witkoff, a Rusia para desenvolver negociacións bilaterais sobre un posíbel acordo para pór fin á guerra en Ucraína.
"Están do lado da guerra e, mesmo cando tentan introducir supostamente algúns cambios nas propostas de Trump, vemos claramente que todos estes cambios teñen un único obxectivo, que é bloquear todo o proceso de paz e expor exixencias que son absolutamente inaceptábeis para Rusia", insistiu o mandatario ruso sobre o Estados europeos aliados da OTAN.