Puigdemont, detido en Sardeña
A policía italiana detivo o ex presidente catalán Carles Puigdemont no aeroporto do Algue, unha nova que vén de conmocionar a escena política, e non só política, en Catalunya. Puigdemont estaba acompañado por membros da súa oficina en Waterloo. Segundo o director da súa oficina, Josep Lluís Alay, o presidente pasará esta sexta feira a disposición do Tribunal de Apelación de Sassari, competente para decidir sobre a súa liberación ou a extradición.
Sobre o ex presidente Puigdemont e os demais exiliados, o Tribunal Supremo español mantén as ordes de arresto estatais, mais as euroordes contra Puigdemont, Toni Comín e Clara Ponsatí foran suspendidas, de acordo coa sentenza do Tribunal Xeral do pasado mes de xullo da UE. No fallo, o tribunal afirmou expresamente que as euroordes foron suspendidas debido á presentación por parte do xuíz Llarena dalgunhas cuestións prexudiciais ao Tribunal de Xustiza da UE, que están pendentes de resolución.
Puigdemont viaxaba no momento de ser interceptado pola policía italiana co senador Jami Matamala. Matalama tamén o acompañaba cando foi detido en Alemaña en marzo do 2018.
O president, que vive exiliado en Waterloo desde novembro do 2017, viaxou a pasada semana a París onde se reuniu con deputados e senadores franceses na Asemblea Nacional.
Desde Junts Lliures per Europa informouse ao presidente do Parlamento Europeo, David Sassoli, da situación do ex president.