Puigdemont: "A Companys asasinárono en nome da orde e da legalidade estabelecida"

24 horas antes da conclusión do ultimato dado por Rajoy, o president da Generalitat rendeu homenaxe a Lluís Companys, o titular da Generalitat que en 1940 foi fusilado polas forzas franquistas no castelo de Montjuïc, en Barcelona. Este domingo 15-O é o 77 aniversario deste magnicidio.

ofrena
photo_camera Puigdemont e Junqueras, nun momento da oferenda floral

No acto en homenaxe a Lluís Companys, unha oferenda floral, Carles Puigdemont reflectiu sobre a dialéctica entre legalidade e lexitimidade, tan de actualidade no conflito entre o pobo catalán e o Estado español. "Asasinárono en nome da orde e da legalidade estabelecida", dixo o president,  quen enfatizou que o dirixente histórico de ERC "foi vítima dun combate moi desigual entre a legalidade democrática e a baixeza do franquismo".

No seu discurso, en que non deu pistas sobre como responderá esta segunda feira o requerimento de Rajoy que podería activar o artigo 155 da Constitución española, Puigdemont reclamou para o soberanismo a bandeira da paz -"som gent de pau" é unha das palabras de orde das marchas independentistas- entanto que o Estado representaría "a violencia, a agresión e a imposición".

No acto interveu tamén a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, quen reclamou a demisión de Pablo Casado, o vicesecretario de Comunicación do PP que deslizou días atrás que Puigdemont, de declarar a independencia, podería acabar tendo o mesmo destino que Companys.

Tamén participaron na oferenda floral dirixentes do PSC -en concreto, o ex president da Generalitat, José Montilla, e o secretario de Organización da formación, Salvador Illa-, o que provocou apupos por parte dalgunhas das persoas presentes que lle apoñen ao partido liderado por Miquel Iceta -ausente no acto- a súa confluencia coas posicións unionistas duras de PP e Cs.

Comentarios