O PSOE subiría e distanciaríase do PP segundo o novo barómetro do CIS
A nova entrega do barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), con entrevistas realizadas antes de que se decretase o estado de alarma polo coronavirus, marca unha nova subida do PSOE en estimación de voto. De realizárense hoxe as eleccións xerais, o Partido Socialista obtería pois 31,9% do voto, un punto máis que no barómetro de febreiro e catro a maiores respecto dos comicios xerais do 10 de novembro. Pedro Sánchez tería así unha distancia co Partido Popular de 12,3 puntos. O PP quedaría en 19,6%, fronte a 20,8% que lograran nas urnas.
Ciudadanos segue no quinto posto e, aínda que baixa case un punto nun mes, neste barómetro do CIS aínda se mantén por riba do obtido o 10-N.
No campo soberanista medraría o BNG, pasando do 0,5% colleitado en novemebro a agora ter 0,6%. Baixaría ERC, que obtería 2,4% e Junts, que ficaría en 1,2%, case a metade do seu resultado do 10-N. A CUP tamén descendería.
O PNV estaría en 1,5% e Bildu en 1,2%, niveis moi similares aos do 10 de novembro.
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, mantense como o líder mellor valorado, cunha nota de 4,4. Sígueno Pablo Iglesias (UP) e Pablo Casado (PP), con 3,5 puntos.
Na Galiza, no caso de realizárense eleccións estatais agora, o PP obtería 23,7% do voto, atendendo aos datos que o CIS recolle en voto+simpatía. Case empataría pois co PSOE, que tería 22,2%. Seguirían Podemos (11,9) e BNG (6,7).
Sanidade
A sanidade colocouse como terceira preocupación no Estado a principios de marzo, segundo os datos do CIS, alcanzando así o seu récord de mencións en toda a serie histórica, rozando 20% e escalando catro postos na clasificación. Ademais, a saúde colócase tamén como terceira inquietude a nivel persoal, con 18,4% de mencións.
O desemprego continúa na cúspide da escala de preocupacións, seguido dos problemas de índole económica.