Protestas contra o golpe de Estado no Sudán mentres os militares perden marxe de manobra

Mobilizacións o pasado 30 de outubro en Khartún, capital do Sudán, rexeitando o golpe de Estado. (Foto: Twitter)
Nos vindeiros días haberá unha nova onda de mobilizacións masivas nas principais cidades do Sudán. Cos militares con cada vez menos apoios, as Forzas da Liberdade e o Cambio procuran reverter con manifestacións pacíficas o golpe de Estado.

Desde que o 25 de outubro os militares arrestaron o primeiro ministro, Abdalla Hamdok, e os ministros civís do Consello Soberano de Transición do Sudán, disolvendo o órgano ao tempo que tomaban as principais institucións gobernamentais, as instalacións de radio e televisión e interviñan as comunicacións; multiplicáronse as protestas por todo o país para exixir ao Exército que respecte os acordos para a transición democrática.

Até o de agora, 12 persoas morreron froito da represión das Forzas Armadas do país africano, ás que hai que sumar 280 persoas feridas, segundo reporta o Comité de médicos do Sudán.

Porén, a mobilización mantense. A quinta e sexta feira Khartún, a capital, acolleu a milleiros de persoas en pé contra o golpe de Estado, amais, mañá e pasado mañá está preparada unha onda de protestas nas principais cidades á beira de edificios oficiais e militares, así como de infraestruturas críticas, organizada pola Asociación profesional sudanesa (SPA), a plataforma de organizacións profesionais que encabezou a revolta que acabou coa ditadura de Omar al-Bashir en 2019.

Precisamente, a resistencia pacífica é a estratexia impulsada desde o 25 de outubro polas asociacións e partidos que xa se opuxeran primeiro a Al-Bashir e agora ao novo líder do país, Abdel Fattah Al Burhan, xeneral do Exército e presidente do extinto Consello Soberano de Transición. Estas entidades están agrupadas nas Forzas da Liberdade e o Cambio, na que xunta o SPA están formacións como o Partido Comunista, o Partido Árabe Socialista Ba'ath ou o Partido do Congreso Sudanés.

As mulleres están a desenvolver un papel determinante no movemento, apunta a BBC, nun bienio no que malia a desigualdade de xénero e a violencia sexual que seguen a sufrir, acadaron certos avances como a prohibición da mutilación xenital ou unha cota do 40% no Consello Lexislativo de Transición, sostivo Sulaima Ishaq al Jalifa, directora da Unidade contra a Violencia de Xénero no gabinete deposto.

Xunta as persoas novas, as mulleres xa lideraran o movemento prodemocracia no medio dunha forte represión, como a que deixou máis de 100 falecidas ao disparar o Exército para dispersar as protestas o 3 de xuño de 2019 en Khartún.

Os militares, cada vez máis febles

Al-Burham conversou esta quinta feira con Antony Blinken, secretario de Estado dos Estados Unidos, co que acordou acelerar a formación dun novo Goberno. “As dúas partes coincidiron na necesidade de manter o camiño da transición democrática e de completar as estruturas do Executivo de transición”, transmitiu a axencia sudanesa de noticias, SUNA.

Con  todo, Ned Price, voceiro do Departamento de Estado, engadiu que Blinken lle reclamou a liberación dos membros do Executivo detidos, entre eles Hamdok, e “regresar a un diálogo que o devolva ao seu cargo e restabeleza a gobernabilidade liderada por civís no Sudán”.

Neste sentido, os militares ordenaron liberar o ministro de Información e Cultura, de Comunicacións, de Comercio e Cooperación Internacional, e de Xuventude e Deportes. Al-Jazeera confirmou onte que xa non estaban baixo arresto.

As institucións exixen volver á situación previa

Malia que Volker Peretz, Representante especial da ONU no Sudán, defendeu que o escenario máis probábel é que se restaure a alianza entre civís e militares, formando un novo Consello Soberano dirixido polo primeiro ministro deposto Abdalla Hamdok, as forzas na rúa rexeitan esta postura, destaca Al Jazeera, optando polo retorno á situación previa ao golpe, que tamén defenden institucións como a Unión Africana, a Liga Árabe ou a Unión Europea.