O primeiro ministro francés, Sébastien Lecornu, supera dúas novas mocións de censura (e van seis nesta lexislatura)

O primeiro ministro francés superou esta sexta feira dúas novas mocións de censura na Asemblea Nacional. Con todo, o seu Goberno continúa a navegar nun escenario de fonda inestabilidade política. Así, Lecornu quere aprobar os orzamentos sen consenso parlamentario mediante a aplicación do artigo 49.3 da constitución. 
O primeiro ministro francés, Sébastien Lecornu, durante a rolda de prensa tras a reunión do Consello de Ministros en París o 19 de xaneiro (Foto: Stephane De Sakutin)
O primeiro ministro francés, Sébastien Lecornu, durante a rolda de prensa tras a reunión do Consello de Ministros en París o 19 de xaneiro. (Foto: Stephane De Sakutin)

O primeiro ministro francés, Sébastien Lecornu (antigo membro do partido conservador de Os Republicanos), puido respirar algo máis tranquilo despois de que fracasaran as dúas mocións de censura ás que se tiña que enfrontar esta sexta feira pola mañá na cámara baixa da Asemblea Nacional.

Porén, non semella aínda que o seu mandato estea guiado pola estabilidade, despois de superar catro intentos de mocións de censura en menos de catro meses. Unha tónica que, en xeneral, semella impregnar o cargo no último ano, após de que senllas mocións de censura sacsen do Hôtel de Matignon -a residencia oficial do primeiro ministro do Goberno de Francia- Michel Barnier en decembro e François Bayrou en setembro, ambos os dous próximos ao presidente Emmanuel Macron.

Volvendo ao presente, as debatidas esta sexta feira constituíron, entón, a quinta e sexta proposta de moción de censura no que vai de lexislatura. Neste caso, impulsadas, por unha parte, polas formacións situadas á esquerda do Partido Socialista - A Francia Insubmisa, Os Ecoloxistas e o Partido Comunista Francés-, unha delas, e, pola outra, pola líder da ultradereita francesa, Marine Le Pen, á fronte da Agrupación Nacional.

Así, a moción presentada por A Francia Insubmisa, Os Ecoloxistas e o Partido Comunista Francés contou co apoio de 269 votos favorábeis, quedando a 19 votos dos 288 requiridos para derrubar o Goberno. Tamén contou, ademais, cos 122 votos da extrema dereita, así como dos socios do partido de Marine Le Pen, e, igualmente, doutros cantos deputados, en particular de cinco socialistas dos 69 que hai nese grupo parlamentario.

Pola súa parte, a moción de censura promovida polos ultadereitistas da Agrupación nacional saldouse con apenas 142 votos, moi lonxe da maioría absoluta requirida.

Ambas as dúas mocións foron rexistradas despois de que Lecornu recorrese a pasada terza feira ao artigo 49.3 da Constitución francesa, un mecanismo que permite ao Executivo aprobar unha lei -neste caso, a parte dos ingresos dos Orzamentos de 2026- sen sometela ao voto da Asemblea Nacional, asumindo a responsabilidade política da decisión. Unha decisión que se tomaba despois de dous meses e 350 horas de debates na Asamblea Nacional para concretar os orzamentos.

En resposta aos discursos da moción de censura, o primeiro ministro defendeu a súa actuación e subliñou que os orzamentos adoptados non corresponden ao proxecto inicial do Goberno. Segundo afirmou, trátase dun texto “froito do compromiso” e “resultado dos equilibrios existentes no hemiciclo”.

Así, malia que Lecornu admitiu que eses orzamentos non son perfectos, xustificou a súa adopción sen sometelos o voto porque despois de 350 horas de debate, e ante a imposibilidade de conseguir unha maioría que votase un texto, o seu Executivo tiña que asumir "as súas responsabilidades". "Non é porque quixera decidir só, senón porque demasiados nestes bancos non querían decidir en absoluto", criticou o primeiro ministro.

Os discursos da oposición

Por parte da Francia Insubmisa, foi o presidente da comisión de Finanzas da Asemblea Nacional, Éric Coquerel, o encargado de pedir o apoio á súa moción de censura, afirmando que "todo nestes orzamentos é unha fraude", e cargando contra Macron, cualificándoo como "o primeiro responsábel da situación".

Así, Coquerel criticou uns orzamentos que, segundo o seu criterio, obrigan a que "toda a poboación pague agasallos aos ricos". Da mesma forma, Mathilde Panot, deputada do mesmo grupo parlamentario, argumentara xa antes da moción que "recorrer ao artigo 49.3 é admitir o fracaso do Goberno porque non só estamos ante un goberno minoritario, senón ante un de mentireiros”.  No caso da Marine Le Pen, a ultradereitista centrou o seu discurso en definir o Goberno de Lecornu como "ilexítimo".

A maiores, Le Pen entende como "traizón" a aplicación do artigo 49.3 para a aprobación dos orzamentos, ao considerar que incumpre o que o propio Lecornu prometera. Neste sentido, o 7 de outubro de 2025 comunicábase que o primeiro ministro francés, Sébastien Lecornu, presentara a súa dimisión ao presidente Emmanuel Macron asegurando que as formacións con representación parlamentaria non deran importancia abondo á "profunda ruptura" que implicaba o seu compromiso de non utilizar o artigo 49.3 da Carta Magna. Porén, finalmente este anuncio de dimisión solucionábase co seu regreso tan só uns días despois.

Novas mocións

Lecornu activou esta sexta feira de novo o artigo 49.3 da Constitución, o que abriu unha vez máis a porta á presentación de dúas novas mocións de censura, que, previsibelmente, se debaterán a vindeira semana. Un escenario que se pode repetir por terceira vez cando os Orzamentos sexan tramitados no Senado e regresen á Asemblea

Tres primeiros ministros nunha soa lexislatura 

Lecornu superara xa dúas mocións de censura en outubro do ano pasado, tamén promovidas por A Francia Insumisa e polo grupo ultradereitista da Agrupación Nacional. Foi nese momento cando o primeiro ministro introduciu cambios nas súas propostas para conseguir o apoio do Partido Socialista, entre elas a paralización da suba da idade de xubilación até 2028.

A Asemblea Nacional vive nunha situación de crise constante desde que Macron convocase eleccións anticipadas. Desde entón, o xefe do Estado viu caer, un tras outro, tres primeiros ministros (tamén Lecornu coa súa dimisión). No caso dos dous anteriores, François Bayrou perdeu a moción de confianza da Asemblea Nacional con 364 votos en contra, mentres que Michel Barnier viu caer o seu mandato en decembro, apenas tres meses despois de ser nomeado, tras prosperar unha moción de censura apoiada por 331 parlamentarios.

As mocións de Bayrou e Barnier viñan tamén motivadas por cuestións orzamentarias. En concreto, a Bayrou criticábaselle a proposta de recortar 44.000 millóns de euros no déficit nos orzamentos para 2026 e, no caso de Barnier, a moción nacía resultado da dificultade para a aprobación dos orzamentos da Seguridade Social.

Comentarios