Sobe o prezo do petróleo: atacados dous petroleiros no Iraq e nos Emiratos Árabes Unidos
O Exército do Iraq informou do ataque mortal a dous barcos petroleiros no porto de Al Faw. Unha agresión que deixou unha persoa falecida, obrigando a fechar as operacións en terminais petroleiras por seguridade.
Iraq vén de fechar as operacións nos portos petroleiros após os ataques mortais a dous barcos petroleiros estranxeiros en Al Faw (Iraq) e ao norte de Jebel Ali (Emiratos Árabes Unidos), segundo informou o Exército do país.
O portavoz militar, o tenente de xeneral Saad Maan, cualificou o incidente de “acto covarde de sabotaxe” e sinalou que o ataque se produciu dentro de augas territoriais iraquís, o que, segundo o Goberno, constitúe unha violación da soberanía do país. Aliás, as autoridades iraquís indicaron que se reservan o dereito de emprender accións legais a raíz do incidente.
O ataque deixou un membro da tripulación morto; aliás, 38 persoas tiveron que ser rescatadas. Ante esta situación, o director da Compañía Xeral de Portos do Iraq, Farhan al-Fartousi, informou de que todas as operacións en terminais petroleiras no país foron suspendidas como medida de seguridade. Porén, os portos comerciais continúan funcionando con normalidade. Polo momento ningún país reivindicou o ataque.
Neste senso, na xornada desta cuarta feira as autoridades marítimas de Reino Unido informaron de que tres proxectís danaron tres barcos no estreito de Ormuz. O primeiro ataque produciuse a unhas 25 millas náuticas —46,3 quilómetros — do noroeste da cidade de Ra’s al Khaymah, nos Emiratos Árabes Unidos. Pouco despois, o Centro de Operacións de Comercio Marítimo do Reino Unido (UKMTO, polas súas siglas en inglés) informou de que outro proxectil, tamén de procedencia descoñecida, impactou contra un segundo cargueiro no estreito de Ormuz, a unhas 11 millas náuticas —uns 20 quilómetros— do norte de Omán. Ao redor das 8.30 horas, o UKMTO voltou a informar dun terceiro ataque contra un novo barco no estreito de Ormuz. O incidente ocorreu perto da costa de Dubai.
O prezo do petróleo dispárase
O incidente produciuse nun contexto de forte tensión nos mercados enerxéticos internacionais. O prezo do petróleo segue subindo, a pesar de que esta cuarta feira a Axencia Internacional da Enerxía anunciase a maior liberación de reservas estratéxicas da historia.
Na madrugada desta quinta feira, o prezo do petróleo en Brent ascende ao redor dos 100 dólares por barril, 38% máis ca antes da guerra de Estados Unidos e Israel no Irán.