Podemos quedar sen petróleo? A AIE liberará 400 millóns de barrís das reservas pola crise derivada da guerra no Irán

O director executivo da AIE, Fatih Birol. (Foto: Justin Tallis / PA Wire / dpa)
A guerra do Irán e os ataques a reservas petroleiras, xunto ao feche do estreito de Ormuz, conducen a unha crise de combustíbel na que os prezos se disparan. Neste contexto, a Axencia Internacional de Enerxía (AIE) liberou millóns de barrís de petróleo, un plan xa adoptado en 2022 coa invasión de Ucraína.

Os ataques a reservas de petróleo en Irán, Bahrain e Haifa (Israel), sumado aos ataques con proxectís a tres barcos no estreito de Ormuz –por onde circula unha quinta parte do petróleo e gas mundial–, levou a que a Axencia Internacional de Enerxía (AIE) acordara este 11 de marzo, por unanimidade, liberar 400 millóns de barrís de petróleo das súas reservas de emerxencia para abordar as "perturbacións" nos mercados de cru derivados da guerra en Irán. "Os países da AIE –maioritariamente europeos– decidiron lanzar a maior liberación de reservas", anunciou o seu director executivo, Fatih Birol. 

Coa liberación desta cantidade de barrís, máis do dobre da anterior intervención récord da axencia na invasión de Ucraína, a axencia pretende compensar a subministración que se perdeu polo feche do estreito de Ormuz. Os membros da AIE, entre os que se atopan o Estado español ou os Estados Unidos, manteñen actualmente uns 1.200 millóns de barrís de emerxencia, ademais doutros 600 millóns de barrís en inventarios da industria que se manteñen por obriga gobernamental. Con todo, a primeira ministra do Xapón, Sanae Takaichi, xa anunciara que o país liberará a partir do 16 de marzo, por iniciativa propia, parte das súas reservas, aínda que Xapón forma parte desta axencia internacional.

Millóns de toneladas de petróleo que pasaron polo estreito de Ormuz este 2025. (Datos: Bloomberg / Gráfico: Nós Diario)

Funcionamento das reservas

Estas reservas foron creadas tras a crise do petróleo dos anos setenta e están coordinadas pola AIE, co obxectivo de garantir que os membros poidan manter, polo menos, 90 días de importacións netas de cru. É dicir, poder manter a subministración case 100 días en caso de emerxencia. 

Cada país membro da AIE mantén reservas propias segundo as súas necesidades e capacidade. Aínda que se descoñecen os datos por cada país, estímase que os Estados Unidos teñen reservas para resistir 105 días, sendo os Países Baixos o Estado que máis resistiría entre os membros da AIE, con máis de 400. No caso do Estado español, a ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Sara Aagesen, sinalou esta cuarta feira que as reservas actuais subministrarían aproximadamente 92 días. A AIE calcula esta cifra comparando o volume total de reservas dispoñíbeis —tanto públicas como as mantidas pola industria— co consumo diario medio de petróleo de cada país  membro da alianza. 

O Estado español, a favor

A tamén vicepresidenta terceira do Goberno español confirmou este 11 de marzo, nunha rolda de prensa anterior a que se fixera pública a decisión da AIE, que o Estado español apoia a liberación de barrís: "Ímola apoiar. Sempre fomos solidarios e entendemos que desta maneira tamén apoiamos que os mercados estean menos tensionados e que outros países, cuxas tensións van máis aló dos prezos, poidan ter resposta na subministración", afirmou Sara Aagesen. Sobre as medidas nas que traballa o Goberno estatal para paliar o impacto económico da guerra, a ministra insistiu en que se está traballando nestas solucións con sindicatos e empresariado e cos grupos políticos do arco parlamentario. "Actuar unidos é a resposta máis áxil", dixo

A visión das persoas expertas

Fernando de Llano Paz, profesor de Economía e Empresa da UDC e experto en economía da enerxía da Unión Europea, destacou a 'Nós Diario' que a liberación de barrís "relaxa" o mercado do petróleo e evita que vaia incrementándose. Con todo, De Llano fala dunha crise "estrutural", non "conxuntural", que vai máis aló pola afectación de infraestruturas petroleiras, o que "pode provocar que cando finalice o conflito non se poida subministrar o combustíbel ao mesmo ritmo".

A quen prexudica máis o feche do estreito é á China, unha das tres nacións asiáticas que máis importa petróleo do Golfo Pérsico, o que fai "evidente" a continuidade da guerra comercial que o presidente dos EUA, Donald Trump, declarou ao xigante asiático. Galiza e o Estado español tamén se verán afectadas, segundo o experto, pola dependencia do transporte por estrada. 

Pola súa parte, a doutoranda  en Economía ecolóxica e dos recursos naturais da USC, Iria Nande, sinalou a 'Nós Diario' que isto destapa os intereses dos líderes económicos mundiais. "Hai xacementos que hoxe en día se consideran reservas e hai dez anos non, e ampliar e explotar as reservas denota que as institucións internacionais predican coa transición enerxética verde, mais cando se ven apertadas non dubidan en volver ás fósiles". Nande destacou, ademais, que a "estabilidade do petróleo é fundamental para a economía mundial". Preguntada polas posíbeis medidas que poida adoptar o Executivo de Pedro Sánchez, a doutoranda dubidou e exemplificou as medidas adoptadas en materia de vivenda: "Reticentes a topar os prezos e intervir no mercado". 

Urxen medidas para paliar o prezo dos combustíbeis

Unións Agrarias (UUAA) reclamou esta cuarta feira ao Goberno español e á Xunta da Galiza a posta en marcha dun plan de continxencia que coordine accións para garantir o mantemento da produción. Exixen a aplicación exhaustiva do ordenamento da Lei de cadea no referido á subida dos custos de produción e a súa repercusión no prezo de venda en orixe de leite, carne ou patacas. Pola súa parte, a asociación de gandeiros Agromuralla, que reúne 400 produtores de toda Galiza, pide repercutir no prezo que se paga a gandeiros polo leite o aumento de custos pola guerra. Aliás, o Sindicato Labrego tamén denunciou os prezos "especulativos" do gasóleo agrícola.

O BNG avanza medidas "urxentes"

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciou este 11 de marzo que a súa formación está a ultimar o documento final que entregará ao Goberno do Estado contemplando actuacións co obxectivo de protexer as maiorías sociais. Entre elas, destaca o control dos prezos dos alimentos e das subministracións básicas para aliviar o custo de vida das familias e das pemes, límites á suba das hipotecas e dos alugueres, bonificacións de combustíbel para os profesionais, ou a redución do IVE en alimentos.