A presión pode con Rajoy, que irá finalmente ao Congreso

Rajoy irá ao Parlamento, empurrado pola presión política á que se viu submetido no Parlamento e nos mercados, con informes do Deutsche Bank incluídos en que se falaba sobre a hipótese de "sacrificar" ao presidente do Goberno español.

Mariano Rajoy
photo_camera Mariano Rajoy

Rajoy elixiu a comparecencia de imprensa co presidente rumanés para desvelar que si, que finalmente irá ao Parlamento para dar conta do escándalo desatado polo financiamento irregular do seu partido durante no mínimo dúas décadas (1990-2011).

O presidente do Goberno español deixou entrever cal vai ser a súa estratexia: a de diluír a comparecencia específica sobre o asunto Bárcenas no medio de explicacións sobre o estado da economía española.

Un informe do Deutsche Bank xogaba coa hipótese de "sacrificar" politicamente a Rajoy

Rajoy -apoiado polos seus diarios amigos- quer vender a idea de que o Estado está a piques de saír da crise e de que o que el considera a estabilidade política é chave para rematar a faena. Nese sentido, tentará minimizar o escándalo que ten producido na opinión pública o coñecimento da forma en que se ten financiado o seu partido durante dúas décadas, o tempo de xestión de Luis Bárcenas ao fronte da tesourería do PP.

Rajoy cede así a unha dupla presión, a exercida pola oposición na Cámara -coa espada de damocles da moción de censura arborada por Rubalcaba- e a feita polos mercados, con informes de distintos actores contrarios á forma en que o presidente do goberno estaba a xestionar esta treboada política, algúns deles tan relevantes como o do Deutsche Bank en que mesmo se especulaba coa hipótese da necesidade de "sacrificar" politicamente a Rajoy para solventar a situación (ao gosto dos mercados, por suposto).

Minimizar o alcance da comparecencia -subsumila nunha especie de dación de contas xeral sobre o estado da cuestión económica- é o propósito evidente do aparato da Moncloa. Tanto, que Rajoy, que se caracteriza por medir cada palabra que pronuncia, referiuse de forma absolutamente oblicua ao motivo da comparecencia. "Falei onte co presidente do Congreso para presentar unha solicitude de comparecencia a finais deste mes ou principio do próximo, sobre a situación económica e política", dixo.

O cerne da cuestión é a evidencia de que o PP se financiou de xeito irregular, mafioso, durante no mínimo 2 décadas

E logo engadiu: "Tamén falarei sobre a cuestión que lle preocupa", dixo en alusión ao xornalista que lle formulara a pergunta. "A cuestión" é o asunto Bárcenas, o nome que continúa a ser innomeábel na Moncloa. Mais o cerne da cuestión non é se Bárcenas gravou ou non gravou conversas, se ten ou non máis apuntes contábeis dos que xa entregou ao xuíz Ruz, o cerne da cuestión é a evidencia de que o PP se financiou de xeito irregular, mafioso, durante 2 décadas, e que contrapartidas obtiveron a cambio os seus financiadores.

Esas son as cuestións que Rajoy debería esclarecer na comparecencia.

Comentarios