O presidente valenciano insiste en que non ten pensado dimitir despois dos indicios de que volveu mentir
Nun acto a quinta feira arredor da Formación Profesional organizado pola Consellaría de Educación, o presidente do País Valencià, Carlos Mazón (Partido Popular, PP), recibiu berros reclamando a súa dimisión, tras o que parte do público marchou, ao que reaccionou asegurando que non ten intención de dimitir do cargo, insistindo en trasladar ao Executivo estatal de PSOE e Sumar a responsabilidade pola xestión dunha depresión illada en niveis altos (DINA) o pasado 29 de outubro, que deixou no territorio 224 mortes e tres persoas desaparecidas.
Un día antes, e despois de que a propia Generalitat comunicara que ás 19 horas estaba alí, Mazón sostivera que o día da traxedia chegou ao Centro de Coordinación Operativa Integrado (Cecopi) ás 20.28, 17 minutos despois de que fora enviada a alerta.
A declaración respondeu á petición de información da Xustiza, que investiga se o atraso no envío do aviso –a meirande parte dos falecementos produciuse antes– respondeu á espera pola chegada dalgún alto cargo á reunión.
Non obstante, unha serie de testemuñas presenciais confirmaron á canle Televisión Española que Mazón chegou ao lugar entre as 19.45 e as 19.50, cando se dirixiu a unha “sala contigua”, e outras catro persoas fixeron o propio ao portal elDiario.es, corroborando que estaba alí logo das 19.45 e antes das 20 horas.
O líder valenciano negouse onte a responder sobre este punto, reiterando que xa deu explicacións a xornada anterior. Asemade, instou a cuestionar sobre a súa dimisión “os que non avisaron da crecida mortal da rambla do Poio ou os que menten permanentemente” sobre o seu “paradoiro”, en alusión a Pilar Bernabé, delegada do Goberno estatal no País Valencià.
Bernabé, que defendeu que viu no Cecopi Mazón cando a alerta fora enviada, converteuse no último obxectivo das críticas da Generalitat.
Ademais, as evidencias corroboran que a Administración valenciana si foi informada polos organismos correspondentes da situación provocada polas chuvias torrenciais desatadas pola DINA, mais decidiu non actuar até que era tarde.
"Incomodidade" no PP
No seo do PP hai unha “incomodidade crecente”, sinalaron membros da dirección a medios estatais, apuntando que o presidente dos conservadores, Alberto Núñez Feixoo, non ten programado presionar para que Mazón sexa substituído a curto prazo, mais analiza “sen urxencia” o camiño a tomar.
