Dunha sobrevivente do Holocausto a un admirador do fascismo: así foi o relevo na presidencia do Senado italiano

Ignazio La Russa, tomando posesión do asento presidencial do Senado italiano. (Foto: Mauro Scrobogna / LaPresse)
Ignazio La Russa, vencellado ao fascismo desde os anos 70, foi elixido presidente do Senado nunha sesión que comezou dirixindo, como presidenta provisional, a sobrevivente do Holocausto Liliana Segre.

O Senado italiano elixiu esta quinta feira o novo presidente da Cámara, Ignazio La Russa, militante do partido de extrema dereita que dirixe Giorgia Meloni, Fratelli d'Italia. O seu nome, do mesmo modo que o da previsibelmente futura primeira ministra, está vencellado ao movemento fascista italiano.

La Russa ficou durante dúas décadas nas filas do Movimento Sociale Italiano (MSI), formación herdeira do Partito Fascista de Benito Mussolini que leva no seu logo a chama tricolor, un símbolo habitualmente empregado pola ultradereita italiana que simboliza a "chama eterna" que brotaría do cadaleito do ditador.

Posteriormente, igual que o fixo Meloni, pasou a formar parte de Alleanza Nazionale, o sucesor inmediato do MSI após a súa disolución en 1995, e hai dez anos integrouse en Fratelli canda Meloni.

Mais o caso de La Russa é especialmente rechamante, pois, nunha entrevista concedida catro anos atrás, exhibiu unha habitación na que almacenaba diferentes reliquias da época da ditadura, incluída unha figura de Mussolini.

Giorgia Meloni celebrou esta quinta feira o seu nomeamento como "un patriota, un servidor do Estado e namorado de Italia" e, dentro da súa formación, Fratelli, "un referente insubstituíbel".

O novo presidente do Senado foi elixido con 116 votos a favor —a maioría absoluta ficaba en 104—, nunha sesión na que o veterano líder de Forza Italia, Silvio Berlusconi, que volveu ocupar un escano aos seus 86 anos, mantivo un brusco enfrontamento con La Russa, a quen proferiu un "Vaffanculo!".

Mais a cuestión máis significativa dunha xornada na que se elixiu presidente da Cámara Alta un orgulloso simpatizante do fascismo recaeu en Liliana Segre, sobrevivente do Holocausto que foi a encargada de ocupar a presidencia provisional do Senado nesta sesión. Segre, designada senadora vitalicia en 2018 polo presidente da República, Sergio Mattarella, convidou os lexisladores a combatiren "as mensaxes de odio", nun discurso fortemente aclamado.