Venezuela anuncia a liberación de presos "como xesto unilateral" cara a paz
O presidente da Asemblea Nacional de Venezuela, Jorge Rodríguez, anunciou esta quinta feira a liberación "dun número importante" de presos. Unha decisión que o Goberno bolivariano toma, segundo explicou Rodríguez nunha rolda de prensa, seguindo a suxestión do Consello nacional pola soberanía e a paz de Venezuela. As excarceracións, dixo, estarían a producirse xa nese mesmo momento. Entre os liberados habería cinco persoas procedentes do Estado español, confirmou o ministro de Exteriores, José Manuel Albares.
Tal e como aclarou o presidente da Asemblea Nacional, trátase dun xesto unilateral para afianzar a "decisión inquebrantábel de consolidar a paz da República e a convivencia pacífica entre todas e todos, sen distinción de tinturas políticas, relixiosas, económicas ou sociais. Todas e todos amparámonos baixo o mesmo ceo fermoso desta república. Abrazamos a mesma bandeira. Entoamos as notas do mesmo himno nacional".
Unha idea, a da decisión unilateral do Goberno, sobre a que insistiu ao preguntarlle a prensa se se trababa dunha medida acordada coa oposición: "Nós non falamos con ningún sector extremista, porque eles son a negación da política. Nós estamos falando coas institucións políticas, cos partidos políticos e coas organizacións con fins políticos que acaten o que está estabelecido na constitución da República Bolivariana de Venezuela".
Jorge Fernández explicou que a liberación de presos busca "achegar e colaborar no esforzo que todas e todos debemos facer para a unión nacional e para a convivencia pacífica". Un xesto, dixo, "de ampla intención de busca da paz como a achega que todas e todos debemos facer para lograr que a nosa república continúe a súa vida pacífica".
Agradecementos a Zapatero
O presidente da Audiencia Nacional aproveitou a comparecencia de prensa para agradecer " a quen sempre estivo ao lado do pobo de Venezuela para defender o dereito que temos á vida plena, á autodeterminación, á independencia e á paz". Así, agradeceu o papel do ex presidente español José Luís Rodríguez Zapatero, "quen desde hai 10 anos vén sumando todas as súas capacidades para traballar en conxunto pola convivencia nacional".
Aliás, Fernández mostrou o seu agradecemento cara ao presidente brasileiro Luiz Inácio Lula da Silva e tamén cara ao Goberno do Reino de Qatar. E, "especialmente", quixo agradecer ás "institucións do Estado, quen, de maneira presta, atenderon o chamado do Goberno bolivariano da presidenta encargada Delcy Rodríguez".