Delcy Rodríguez normaliza as relacións económicas con calquera país e lembra que Venezuela envía 20% das súas exportacións aos EUA
A presidenta encargada de Venezuela, Delcy Rodríguez, pronunciouse na noite desta cuarta feira sobre as relacións cos Estados Unidos, afirmando que, tras a agresión do pasado sábado por parte dos EUA, víronse afectadas por "unha mancha". "Hai unha mancha nas nosas relacións que nunca ocorrera na nosa historia", declarou.
Con todo, segundo Rodríguez, non é "extraordinario nin irregular" que haxa relacións económico-comerciais entre ambos os países. "O 71% das exportacións venezolanas están concentradas en oito países, e dese 71%, o 27% ten por destino os Estados Unidos de América do Norte", sinalou.
A mandataria encargada lembrou que as relacións económicas de Venezuela están diversificadas en distintos mercados do mundo, do mesmo modo que as súas relacións xeopolíticas, e afirmou que "é o correcto" e "así debe ser". "Venezuela debe ter relacións con todos os países deste hemisferio, como as debe ter con Asia, con África, con Medio Oriente, con Europa", razoou.
"Quen se excluíron da relación con Venezuela son quen se prestaron para agredir ao noso país. Non foi Venezuela. E por iso, eu dixen que Venezuela non está en guerra. Venezuela é un país de paz que foi agredido por unha potencia nuclear", expresou a presidenta encargada do país caribeño.
No mesmo acto, presentou o novo vicepresidente de Economía, Calixto Ortega, e reiterou o respaldo do Goberno venezolano para impulsar a presenza de empresas venezolanas en mercados internacionais. "Os sectores produtivos privados de Venezuela saben que contan coas políticas públicas deste Goberno para seguir impulsando a diversificación dos mercados e garantir que a produción nacional cruce a nosa fronteira", explicou.
Estas declaracións chegan despois de que o inquilino da Casa Branca, Donald Trump, anunciase que o Goberno encabezado por Rodríguez permitirá aos Estados Unidos a xestión de "entre 30 y 50 millóns de barrís de petróleo sancionado".
Neste sentido, a petroleira estatal venezolana confirmou a existencia de negociacións en materia de petróleo coas autoridades do país norteamericano, que manteñen sancións que evitan unha comercialización normalizada da materia prima.
Con todo, actualmente xa hai unha petroleira estadounidense, Chevron, que opera con cru venezolano. En consecuencia, salvando a situación de tensión derivada da agresión estadounidense sobre Venezuela, non se trata de ningunha rareza o feito de que haxa operacións entre empresas estadounidenses (ou de outros países) e a compañía estatal venezolana para a compravenda de petróleo.
Retirada de sancións
De feito, o Goberno de Estados Unidos comezou a retirar de maneira paulatina as sancións económicas a Venezuela co fin de permitir a venda e o transporte de cru e outros produtos petrolíferos venezolanos aos mercados de todo o mundo tras a intervención militar para secuestrar ao presidente Nicolás Maduro.
Trátase dun "acordo enerxético histórico" que "beneficiará tanto Washington como Caracas e os aliados estadounidenses", asegurou a Administración Trump, que anunciou que reducirá "selectivamente" unhas sancións que supuñan un lastre imposto de forma externa para a economía e a industria petroleira de Venezuela durante estes últimos anos.

